7.2. Santa María de Pesqueiras
Sita na parroquia do mesmo nome atópase situada nunha fermosa paraxe de tupidos soutos centenarios, moi preto do encoro de Belesar. Poida que o nome desta igrexa monástica este en relación cunha arte de pesca bastante estendida no curso medio-baixo do río Miño:
a pesqueira, ou tamén chamado
caneiro. Consistía en erguer uns curiosos muros de pedra a xeito de paralelepípedos na canle das ribeiras do río. Situados bastantes próximos uns dos outros, formaban como unha especie de corredores nos que se colocan aparatos a modo de redes cos que se daba caza as diversas especies piscícolas que oferta o pai Miño. Coméntase que o peixe máis apreciado polos pescadores que utilizaban a pesqueira era a
lamprea. É bastante probable que a arte da proveña da Alta Idade Media aínda que non se pode obviar o feito de que diversos autores sitúen o nacemento deste xeito de pesca no período da dominación romana, aspecto nunca contrastado. En termos xurídicos podemos sinalar a probabilidade de que as pesqueiras fosen propiedade de herdeiros, semellante á que se dá na maior parte de Galicia cos muíños, regos, etc. Pódese arrendar ou permutalo uso, non o ben en si mesmo, que é case que de propiedade colectiva.
|
|
Fachada da Igrexa de Pesqueiras |
|
En canto ó mosteiro argumentar que non se teñen novas da súa fundación aínda que si se sabe que estamos diante dos restos do que algún día foi un importante mosteiro de monxas beneditinas, pénsase que pechado no século XVI. Segundo un documento datado o 17 de Xaneiro do ano 1290 e conservado no arquivo do mosteiro de San Paio de Antealtares, foi dona Elvira Ares ou Eanes , priora de Pesqueiras naquel tempo, quen mercou por catro marabedís o “directo, xantar y patronato” que sobre este cenobio tiña don Rodrigo Arras, fillo de Arras Fernández de Sindrán e de Teresa Pérez. Segundo se cre, a época de maior prosperidade e dinamismo do mosteiro deu comezo no ano 1107, data na que se ten constatado unha doazón por parte do conde don Ramón a este cenobio. A finais do século XV foi anexionado por
San Paio de Antealtares a pesar da oposición da súa
priora, dona Inés Guitián que foi privada do seu cargo por frei Rodrigo de Santiago. Sabemos dunha visita xirada ó cenobio por parte do pai Pedro de Nájera Bazán no ano 1515 onde manifesta as razóns que impulsan ó frade don Rodrigo de Valencia a anexionar a San Paio de Antealtares varios priorados e cenobios de pouca importancia, entre eles o de Santa María Pesqueiras. San Paio perde Pesqueiras no ano 1604 e pasa a depender do Marqués de Astorga. Tras multitude de litixios establécese un pacto polo cal o mosteiro santiagués conserva o dereito a cobrar os servizos, unha tega de pan e unha galiña ano a ano por veciño, e as lutuosas. Antealtares tamén terá dereito a cobrar os décimos en Pesqueiras, nunha parte de
San Fiz de Asma, en
San Martiño de Mariz e en
Santa María de Sabadelle. Corresponde á abadesa o dereito a presentar ó sacerdote destas freguesías. A citada anexión produciu que este templo fose perdendo con progresividade o peso e a importancia que chegou a ter. A todo isto uniuse en datas recentes a creación dunha nova igrexa para a parroquia, impulsada polo párroco don Benjamín Ventosinos Fernández, e que na actualidade alberga o culto dos fregueses de Pesqueiras.
|
|
Pía bautismal desaparecida |
|
|
Pinturas murais |
|
|
Detalle dos murais |
|
A igrexa que na actualidade se observa parece posterior a edificación que algún día debeu de existir neste lugar. Para corroborar tal dato pódense argumentar dous datos:
1. no templo localizábase unha pía bautismal de época, parece ser, prerrománica.2. sabemos da existencia dunha inscrición na que se falaba da súa restauración no ano 1120 ou 1121 por un tal Juan Matheu Doal. Sobre este dato existe moita confusión. Da mesma xa falaba Villamil e Castro quen tivera constancia dela a través dun copia realizada por Cornide que será citada en posteriores liñas. Un dos datos máis fiables para darlle luz ó asunto témolo nunhas memorias manuscritas que descansan no Arquivo Capitular da catedral de Lugo. Nas mesmas o canónico Piñeiro escribe que a enigmática inscrición estaba sita sobre dunha porta que se atopa nas inmediacións da Igrexa:
“... sobre una puerta de una caballeriza contigua a la Yglesia de Pesqueiras ...”. Manifesta que a súa fábrica parece posterior a data na que o texto manifesta que o templo foi restaurado, era de 1158 (ano 1120). Segundo nos comenta, situábase en dúas pedras que formaban parte do oco da porta anteriormente mencionada. Das notas realizadas por Piñeiro podemos salientar unha en especial referida a inscrición que di o seguinte: “IN NME DNI IHS... AETHEV DOALS VI KS DECER ERA CLª VII... POST I Aº SIFDA RESTAURAVIT”. Cómpre sinalar que cando os documentos ou inscricións antigas utilizan o verbo “restaurar” fano co significado de reconstruír ou reedificar, non co de arranxar ou restaurar. Do comentado podemos extraer que Pesqueiras sufriu unha obra de considerables dimensións nesta época, case que sería levantada de novo, aspecto bastante dubidoso. Comparemos neste intre esta copia coa feita por Cornide: “IN NME DNI IHS MAETHEV DOALS VII IDUS DCE Q ERA C L VIII POST I Aº SI FDA RESTAVRAVIT”. Como se pode apreciar se exceptuamos algunhas diferenzas na datación e noutros aspectos estruturais de pouca importancia, as escritas son practicamente idénticas. Noutro orde de cousas dicir que da casa do mosteiro onde residían as monxas ate a súa anexión a San Paio de Antealtares, non queda resto ningún.
|
 |
|
|
Detalle dos arcos da porta leteral |
Da igrexa dicir que a nave se atopa divida exteriormente en dous tramos por sólidos contrafortes. A teitume é de madeira aínda que na actualidade foi derruída unha parte pola caída de ramallos de árbores próximas ó templo co que se tivo que restaurar. O frontis, con porta circular de doelas e ollo na parte superior, semella ser reedificado en data bastante posterior. A ábsida presenta un arco triunfal con peche nos salmares, columnas nunha orde, capiteis de fitaria e imposta sinxela que discorre polo testeiro. Tamén presenta unha fiestra de medio punto con columnas apoiadas por riba do arco de acceso.
De gran valor artístico son as pinturas murais do interior entre as que podemos atopar diversas escenas bíblicas: pasaxes referentes á Resurrección dos mortos, a Anunciación da Virxe, a imaxe de María co Neno (século XV) ou a Resurrección de Cristo. Algunha escultura que con anterioridade estaba neste templo non se atopa na actualidade no mesmo por non celebrarse culto nel. Exemplo disto son as tallas da Nosa Señora do Carme e a Nosa Señora do Rosario.
Pero a verdadeira xoia escultórica do templo estaba na talla de
Santa María de Pesqueiras; totalmente románica, hierática e sedente, posuía un elevadísimo valor artístico. Digo posuía porque se perdeu nun fatal incendio que asolou a igrexa nova de Pesqueiras a onde fora trasladada. Tense constatado que esta edificación sufriu saqueos xa que da mesma faltan pezas como a pía bautismal citada ó comezo deste apartado.