8.1. A fortaleza de Chantada
Non é que posúa maior relevancia que outras construcións das mesmas características da época, pero a súa situación concédelle sen ningunha dúbida certa notoriedade. Noticia da mesma temos no ano 1547 e sabemos que chegou medio derruída ata 1789. Nese momento era dono da mesma o
Marqués de Astorga chamado don
Vicente Joaquín Osorio de Moscoso, tamén
Conde de Altamira,
Duque de Sessa e outros títulos; deles o que máis nos interesa e o de
Conde de Chantada e
señor da Casa Forte da mesma vila e a súa terra. Tense constatado que aló polo ano 1779 doou un viril á igrexa da localidade do río Asma.
Posteriormente, a fortaleza aforouse a nome de
Jacobo Ignacio Guerra que era por aquel entón escriban de Chantada. Edificouse naquel lugar a que se chamou “Casa do Guardamiro” pola que este señor pagaba unha renda de oitocentos reais ata que a redimiu o catro de Outubro de 1890. Nese mesmo solar edificouse logo de algúns anos a chamada
“Casa do Guerra”.Por último dar conta dunha breve reflexión; non se debe de confundir esta
Fortaleza de Chantada coa
Torre e Castelo que tamén existiu na vila, como fan algúns historiadores. Esta última construción crese na actualidade que estivo sita no que hoxe é a igrexa parroquial de O Convento e antigo mosteiro beneditino de San Salvador de Asma. Esta propiedade sería a que nun tempo herdou o
Conde Ero Ordóñez.
8.2 A torre de Arcos
Afamada construción chantadina, atópase enclavada na freguesía de
Santa María de Arcos. Erguida nos séculos XIII ou XIV cumpriu no seu día a función de torre homenaxe da fortaleza dos
Fernández de Temes da que se di que posuía doce leguas de terreo á redonda. Este castelo foi destruído no ano 1467 co gaio das
revoltas Irmandiñas cando era propiedade do conde de Ribadavia; con posterioridade, sería levantado de novo aínda que na actualidade tan só se conserva a torre deste complexo. Segundo se cre o afamado Teodomiro, primeiro bispo de Compostela e descubridor do sepulcro do apóstolo Santiago, era desta fortaleza.Dende a súa posición domina un amplo alfoz, o de Arcos, do que se di que foi unha doazón do lendario rei
don Pelayo ó seu fiel capitán xeral don
Lupo Cambero de Candad do que xa foron comentados diversidade de aspectos no apartado referente ó castro Candaz. Tamén foi señor desta Torre o afamado
Ero Ordóñez quen se beneficiou en vida de grande preponderancia na nosa comarca; o mesmo foi nun tempo señor de todo o que era dos
Fernández de Temes. Existe constancia de que no 1652 e, por falta de descendencia masculina, a construción pasou a pertencer a don Alexandre de Taboada e Ulloa, señor de Merlán e cabaleiro distinguido na toma de Monzón. Diversas vicisitudes fixeron que a Torre chegara ata nós nun estado bastante precario; as revoltas Irmandiñas do século XV afectáronlle en gran medida. A isto podemos unir o intento da xente do lugar de reaproveitar os materias desta edificación noutras construcións mediante a utilización de cargas explosivas; ó ver que os sillares regulares de granito rachaban coas detonacións desistiron de tal obxectivo. Tamén o furacán Hortensia, que chegou a terras de Chantada na década dos oitenta do século XX (1986), se levou por diante diversos muros da Torre.
|
|
Torre de Arcos, aspecto actual |
|
|
Aspecto da torre antes do seu derrubamento |
Centrándonos en aspectos puramente formais e arquitectónicos estamos diante dunha Torre de planta cadrada que posúe un zócalo exterior de 10,30 m. por cada un dos frontes. Nunha visita realizada ó monumento nos anos trinta do século XX deduciuse, por restos sitos preto da Torre, que o coroamento da mesma debeu de ser a modo de beiril sobre almofadillóns no que descansaban ameas apuntadas. Na mesma visita púidose ollar como a porta de acceso estaba situada na súa parte Oeste, presentando un arco apuntado de doelas lisas sobre impostas exentas de decoración. No citado arco tamén se apreciaba un escudo composto de tres barras horizontais. Do único muro que se conserva na actualidade dicir que presenta sillares regulares dispostos a modo de ringleiras horizontais ó exterior con algúns signos lapidarios. A Torre limita ó Leste co lugar de Barrio, ó sur co
Pazo da Suatorre (tamén propiedade dos Fernández de Temes), ó Norte coa aldea de Torre e ó Oeste coa de Vilariño.
8.3. Da existencia de outras Torres
En Chantada temos constancia da existencia doutras Torres vinculadas a diversas Casas Fortes. Ben certo é que das mesmas apenas se conservan restos físicos, case que ningún, pero é de recibo nomealas nesta obra pois tamén forman parte do grande pasado señorial da nosa comarca.
Torre de Merlán
Comezaremos por citar a
torre de Merlán da que na actualidade só se conserva a lembranza da mesma. Sita na parroquia de
Santo Tomé de Merlán, a escasos quilómetros da vila, crese que o seu emprazamento estaba na actual
Casa da Torre ou de
Quiroga, onde nun tempo se situou unha cárcere. Segundo comentarios de xente da zona parece ser que o corpo da Torre puido estar emprazado a poñente da casa referida; un paisano lembra unhas ruínas que poderían ser paredóns duns tres metros de alto aproximadamente e que constituían unha base cadrada duns nove metros de lado. Estes datos son coincidentes, en xeral, cos de moitas Torres pertencentes as Casas Fortes.
Torre do Cancelo
Outra torre sita nas terras de Chantada foi a de
Teixeiro ou Teijeiro. Enclavada na aldea de
Pedrido, pertencente á parroquia de
Santa María de Nogueira, tamén foi coñecida co nome de
Torre do Cancelo xa que é probable que nun tempo fora propiedade dos señores de Cancelo. O que fica dela é o corpo baixo da mesma cuxa forma se presume cuadrangular. Coméntase que posuía un segundo corpo no que estaba emprazado un escudo de armas, desaparecido na actualidade. A pedra de armas dos
Teijeiro consta de un teixo no que se apoian cinco lanzas, debido ó seu entronque cos
Lanzós. O apelido desta familia e oriúndo de Galicia e sabemos que un rama da mesma pasou a Córdoba.
Torres de San Mamede e San Salvador
Torres tamén existiron en
San Mamede de Pereira e en
San Salvador de Vilaúxe; en ámbalas parroquias existen aldeas chamadas A Torre. Na primeira das freguesías a construción estaba no lugar de Pereira de Arriba. A de Vilaúxe foi derrubada fai relativamente pouco tempo. Os seus materiais foron reaproveitados noutras construcións, práctica por desgraza habitual. Pénsase que estaba asentada nun macizo rochoso e que pertencía ó
Mosteiro de Oseira ó cal debía de render tributo.
Torre de Quinteliña
Citar tamén a
Torre de Quinteliña que estivo sita preto do lugar de Quintela, enclavado na parroquia de
San Salvador de Asma onde tamén puido situarse a
Casa Forte de dita aldea. Dono da construción foi don
Rodrigo Antonio Falcón de Ulloa Ribadeneira, primeiro
Marqués de Bendaña, do que existe con motivo do seu ingreso na Orde de Santiago un expediente no que aparece mencionada dita Torre. No mesmo óllase un breve relato no que se comenta, entre outros aspectos, que a edificación era de cachotería con catro esquinas e que posuía unha altura de aproximada de dous pisos. Tamén se di que no interior había dúas salas. Pegada a dita Torre e, pola parte Norte, constatábase a existencia dunha Torre menor que na súa parte inferior se atopaba pegada á súa irmá maior. Con posterioridade, parte dos materiais desta construción foron usados para a edificación no mesmo lugar, dunha casa para vivenda.