8.4. O Pazo de Suatorre
Morada que foi dos Temes, sufriu moitas modificacións pero o que nos queda danos testemuña da importancia que tivo esta edificación. Nunha visita realizada no ano 1999 apréciase que do pazo propiamente dito tan só queda un muro de pedra cun corredor e as respectivas escaleiras. No muro do nacente existe un escudo a xeito de ovalo con helmo e catro divisións: Tau, bandas diagonais, tres barras horizontais e un lis. No pombal, que posúe unha planta circular, óllase un escudo coa cruz de Santiago. A portada, a xeito de medio punto, está formada por doelas e no frontón, coroado por un cruceiro, aprécianse unha serie de escudos que fan un conxunto monumental; por riba dun escudo sito no frontón apréciase a seguinte inscrición: DERELINQUAM QUASI LEO UMBRACULUM MEUM QUI ERVA ERUN INTER FACTA EST DESOLATIONE AB FATIE ORAE COLUMBAE. Outra inscrición di: SE COMPUSO AÑO DE 1510.
8.5. A Casona de Lemos
Estamos diante da casa máis antiga de Chantada. Típica edificación do século XVI (está datada no ano 1551) conserva algunha parte do século XV. Orixinariamente era unha corte de cabalos á que se lle foron engadindo con posterioridade diversas estancias. Esta casa foi motivo de diversos preitos chegando a intervir a Marquesa de Astorga cunha carta-orde. En dúas das súas frontes leva soportais con cuberta de madeira e columnas de diversas formas e épocas. Ten unha gran cheminea saínte e o trazado e a distribución das súas fiestras é moi interesante. No muro occidental conserva unha pedra de armas partida que se cre anterior ó ano 1668; correspondería a don Pedro de Moure Ulloa, párroco da igrexa de Chantada. O interior atópase totalmente restaurado e presenta un espazo funcional e acolledor, o mesmo obra do arquitecto
Manuel Gallego, que realizou esta obra no ano 1990. Na actualidade está dedicada a
Casa da Cultura do Concello de Chantada. No seu interior sitúanse a
OMIC (Oficina de Información ó Consumidor), a
Oficina de Información Xuvenil, o
Servizo de Normalización Lingüística do Concello e a
Oficina de Información Turística. Amais disto, tamén alberga a
Biblioteca Municipal “Xoán de Requeixo”. Esta casa foi doada por don Faustino Vilaseco e a súa dona para Casa da Cultura. Como é imaxinable o seu estado de conservación é óptimo.
8.6. A Casa de Boán
Casa solar e torre do noble linaxe dos Boáns ou Boanes. Atópase localizada nunha aldea que leva por nome o mesmo da familia, á súa vez enclavada na parroquia de
San Paio de Muradelle. O seu estado de conservación é na actualidade malo, estando dividida en dúas partes que a súa vez pertencen a distintos propietarios. Nela percíbese unha torre derruída en tempos da revolta Irmandiña. Por pedra de armas posuía un campo de sinople, amais dunha muralla de prata rota na que baten ondas de auga de azur e prata. Enriba da muralla unha coroa de ouro surmontada dunha águia exploiada da súa cor natural, picada e armada de ouro, e entre as dúas cabezas da águia a palabra BOÁN en letras de ouro. O dintel da porta conserva inscrita a
cruz de Calatrava. Na actualidade, esta casa está adicada como casa de labregos e non se percibe nela o grande esplendor que debeu de ter.
8.7. A Casa de Eiriz
Magnífica construción e residencia da nobre liñaxe dos Erices ou Eirices. Esta sita na pequena aldea de
Eiriz pertencente á parroquia de
San Salvador de Brigos. De planta rectangular atópase dividida na actualidade en tres partes que dan todas elas a unha grande aira lousada. Acaroado á Casa, na súa parte leste, atópase unha capela de reducidas dimensións cuxo estado de conservación é pésimo. Presenta unha teitume de madeira a dúas augas amais dun punto de iluminación ó poñente; o chan é pétreo na súa totalidade. A porta norte conserva unha pedra de armas que non se corresponde coa dos Eirices; nela pódese ollar unha data que fai referencia ó ano 1784. A día de hoxe, esta construción está dedicada a un uso puramente agrícola e gandeiro polo que o seu aspecto e estado de conservación é malo.
8.8. Pazo de A Elfe
Edifico pertencente ó século XVII ou XVIII e dedicado na actualidade a un uso puramente gandeiro e agrícola. Estamos diante dunha construción de planta rectangular que posúe na súa parte interior un fermoso patio. Conserva unha curiosa cheminea amais dunha capela que na actualidade se sitúa fora da casa; crese que foi no século XIX cando a mesma se trasladou ó exterior. Amais disto, tamén posúe hórreo, pombal, adega e dous muíños de rodicio. Dada a utilización á que está destinada na actualidade o seu estado de conservación é regular.
8.9. A Casa de Carral Travesa
Falamos dunha magnífica construción sita no lugar do mesmo nome e pertencente a parroquia de Sabadelle. O edificio responde a un esquema clásico de moitas das casas Fortes de Chantada; unha soa planta distribúe os seus corpos arredor dun patio interior rectangular. Do conxunto destaca en altura un corpo a modo de Torre. O edifico posúe pombal amais dunha capela que alberga no seu interior un retablo do primeiro terzo do século XVIII.