mapa web contacta co concello páxina principal
galego
 
 
 
 
 
 
o tempo en chantada
 
novas
 
fotografias
 
xornais
 
Carteleira de cine en Galicia
 
buzón de suxerencias
 
Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas
 .: Concello :: historia
ÍNDICE
  1. De castros e brigancios
  2. Outros vestixios arqueolóxicos
  3. O castro Candaz
  4. O nome de Chantada
  5. É tempo de invasores
  6. A colonización monacal e a pegada do románico
  7. O explendor do monacato en terras de Chantada
  8. Señoríos e Nobleza
  9. Lendas, mitos, crenzas e miragres
  10. Edificacións significativas máis recentes
  11. A historia continúa...
    11.1. As partidas carlistas
    11.2. Pequenas pinceladas
    11.3. As feiras de Chantada: factor de dinamización
             social e económica

    11.4. Folklore e etnografía popular
    11.5. Os comezos da prensa chantadina
    11.6. De temas políticos
    11.7. Un percorrido pola Chantada de comezos
            do século XX
    11.8. Progreso á vista
  12. Hai poucos anos
  13. Algunhas personaxes ilustres

ampliar
Revoltas dos Irmandinhos
11. A historia continúa ...
   Pasado esplendoroso de Chantada, non cabe dúbida, pero, qué é da historia máis recente?. Unha vez superado o desacougo campesiño, plasmado nas revoltas Irmandiñas que propiciaron un gran período de inestabilidade, produciuse unha reorganización administrativa no século XVI. Nela, Galicia é dividida en sete provincias e cada unha destas, en xurisdicións; a autonomía dos cotos foi respectada. A partires deste momento Chantada converteuse en cabeza do señorío laical no que entraron a formar parte vinte e nove freguesías e sete cotos, e, dentro dos termos do actual municipio, a xurisdición de Asma, dependente do Mosteiro de San Salvador. Á mesma pertencían diversas parroquias: Santa Uxía e San Salvador de Asma, Santa María de Camporramiro, San Cristovo de Mouricios, San Mamede de Pereira e Santiago de Riba; tamén a ela pertencían os cotos de Granxas de Vales, Veiga e Chouzán. É moi posíbel que a explicación da extensión da xurisdición de Chantada estea no desexo de unir nunha mesma autoridade xudicial os termos das Casas Fortes sitas na vila; os dominios das mesmas abranguían multitude de terreos, chegando a ter posesións no actual concello de Carballedo.

ver
Felipe III
    A nosa vila non estivo exenta do interese e atención da corte real. Exemplo do comentado témolo en Felipe III quen o cinco de Agosto do ano 1617 e, por Real Carta redactada no lugar de San Lorenzo, condona os dereitos reais que na nosa comarca posuía. Renuncia ós mesmos a favor do “Consejo de Justicia y Regimiento de dicha villa”, entendamos que está a referirse a Chantada, polos “servicios que habeis hecho a los Reyes mis antecesores y a mi que son dignos de mayor remuneración”. Adiantándonos no tempo esgrimir que tralas Cortes de Cádiz se suprimiron as xurisdicións e os morgado quedando dividida Galicia nas catro provincias actuais. Acométese a creación de municipios e partidos xudiciais, sendo respectados os dereitos históricos de Chantada. O actual municipio (sucesor do antigo concello do mesmo nome) comeza a súa andaina, no seu xeito actual, ó rematar o primeiro terzo do século XIX. Neste preciso momento decretouse unha importante reforma (23 de Xullo de 1835) que ordenou as novas demarcacións administrativas. Tras diversos ensaios e rectificacións, quedou constituído definitivamente no ano 1840. Nestes momentos tamén se crea o concello de Carballedo ó que se agregan diversas parroquias e cotos que pertencían a Chantada: Chouzán, Vilaquinte, Cartelos, Buciños, San Mamede e Santiago de Losada, Carballedo, Milleirós, Olleros e Pradeda. O municipio de O Saviñao tamén se beneficiou das reformas ó pasar a pertencer ó mesmo as parroquias de Freán e Vilaesteba.
  voltar ó índice
ampliar
Soldado Carlista
11.1. As partidas carlistas
  
Nun primeiro termo cómpre salientar que en Galicia, como teñen amosado diversos autores (exemplo temos en Barreiro Fernández), o Carlismo non chegou a contar cun exército de seu. O que aconteceu no noso país veu ligado á loita contra o francés. Aquí as xentes adoitaron establecer tácticas de “guerrilla”; si ben non se podían enfrontar de modo directo cos estranxeiros, por cuestións materiais e numéricas, optaron por crear pequenas partidas que infrinxían por sorpresa castigos de diversa consideración ós invasores galos. O Carlismo en Galicia seguiu estes derroteiros.








ver
Isabel II
    A morte de Fernando VII e a súa herdanza, causaron no estado moita conflitividade política á que non foi allea a sociedade española do século XIX. Partidarios do infante Carlos e da raíña Isabel II enfrontáronse con gran virulencia polo poder real e Chantada, non foi allea ós acontecementos que se producían na Corte de Madrid. Neste senso cómpre citar a Don Francisco Martínez Villaverde que era irmán de don Juan Martínez, presidente da Xunta carlista. Esta personaxe gozou de ampla relevancia por ser artífice dunha das diversas partidas carlistas acaecidas no noso concello. Este xeneral do exército, depurado en 1832 polos seus ideais carlistas, ergueuse en armas en Agosto de 1834 nas terras comprendidas entre Chantada, Monterroso, Sarria e Taboada. Esta partida tivo moitas e variadas accións entre as que destacaron diversos golpes infrinxidos a algúns destacamentos militares amais da captura de algúns reféns. Pero a máis sonada das súas accións foi a toma de Chantada, lembrada pola súa especial virulencia. Os carlistas atopábanse en disposición de entrar na vila do Asma. Para protexerse, os veciños optaron por tapiar as portas das casas que estaban sitas ás aforas da vila conseguindo formar como unha especie de muralla exterior defensiva. Tras promesa de que as súas vidas serían respectadas, moitos habitantes e soldados decidiron saír dos seus lares; pero a promesa non foi cumprida. Producíronse ruíns fusilamentos na praza pública e tan só dous veciños conseguiron fuxir. O relatado aconteceu o 9 de Marzo do ano 1835.Pero a máis famosa de todas as partidas carlistas foi a que levou a cabo don Fernando Gómez, máis coñecido como o “ Ebanista ”. Fillo do administrador de estancos da vila de Monforte de Lemos intégrase na facción de Martínez Villaverde no mes de Xaneiro de 1835. Co tempo decide separarse de este e situarse na zona de Monforte. A partires do ano 1838 aumenta considerablemente o número de efectivos da súa guerrilla chegando a contar con preto de 300 homes baixo o seu mandato; de seguida se viu cercado polos seus adversarios, decidindo fuxir a Portugal no 1840. O seu protagonismo histórico ven dado pola actuación na Segunda Guerra Carlista. A mediados do mes de Xullo de 1847 atravesa a fronteira portuguesa xunto con vinte homes utilizando a táctica da imposición do medo e sometendo pola forza ós contrarios a súa causa. Instala nun primeiro momento o seu cuartel no Monte Faro dende onde lanza diversas ofensivas polo territorio circundante. Monterroso ou Friol foron algúns dos lugares visitados por este extraordinario guerrilleiro. Pero ós poucos vai ollando como a súa partida non aumenta ó que se lle engade a deserción de varios estudantes que se uniran á súa causa en Portugal. O 3 de Agosto é sitiado preto de Chantada pero consigue fuxir. Non correrá a mesma sorte o 3 de Setembro do ano 1847; refuxiado na casa de Juan Domingo Arias sita no lugar de San Pedro de Salaia (preto de Palas de Rei) é furado a tiros. Así morría o “Ebanista”, ilustre veciño de Chantada cuxa vivenda se di que estaba no Portal de Abaixo onde se dedicaba a nobre labor de carpinteiro.
  voltar ó índice
11.2. Pequenas pinceladas. O movimento agrarista.
  Botando unha pequena ollada ó século XVIII obsérvase como nas terras de Chantada primaba o antigo réxime. Por aquel entón a convivencia social non resultaba de todo agradable; labregos, fidalgos e diversos estamentos sociais vivían nunha calma tensa, era como unha situación forzada. Chantada era por aquel entón unha vila relativamente próspera na que as industrias de lencería e de curtidos de becerro xogaban un papel preponderante. Unha vez se liquida a pantasma do antigo réxime os labregos libres pasan a ser propietarios legais das terras. Desta redención foral ten estudado moito o prolífico historiador Ramón Villares Paz. O mesmo, en diversas investigacións, chegou á determinar a relación existente entre as remesas enviadas polos emigrantes do continente americano e as redencións dos foros na comarca de Chantada. I é que no ano 1921 os labregos da nosa zona xa se desfixeran do pago dos foros. Téñense constatado as numerosas remesas de cartos que chegaban ás mans de moitos chantadinos procedentes de lugares tan lonxanos como A Habana , A Plata , Matanzas ou Bos Aires. Nesta redención foral tamén é posible que tivera algo ou moito que ver o movemento agrarista. Amplamente difundido por toda Galicia en Chantada tamén se manifestou; estamos a falar dun agrarismo antiforal e anticaciquil vinculado nun primeiro momento á Acción Galega e despois ó sindicato UGT. O momento cronolóxico no que este movemento acadou maior dinamismo e extensión foi no primeiro cuarto do século XX. Pódese citar neste intre a unha figura senlleira na historia chantadina: Leonardo Rodríguez. Eminente político, non en van foi o primeiro deputado a Cortes nado en Chantada, mostrouse como o principal cacique da nosa vila. Con tintes rexionalistas creará un grupo de persoas ó seu redor cuxo fin terá que ser o reorientar a vida política de Chantada a través do agrarismo sen separarse do rexionalismo.

ver
Primo de Rivera
    Na vila do Asma, que durante a ditadura de Primo de Rivera se converteu no principal foco do agrarismo na provincia de Lugo, creáronse un total de 19 sociedades agrarias que abranguían diversas parroquias; de entre as mesmas podemos destacar as seguintes:
• a de San Fiz (cuxa existencia se prolongou do 25 de Decembro de 1919 ó 27 de Febreiro do ano 1934).
• a de San Xoán de Laxe (que tivo un período de existencia que abrangueu do oito de Marzo de 1930 ata o 12 de Maio do ano 1934).
• a Unión de Labradores de San Cristovo de Mouricios (cun marco cronolóxico que se estendeu dende o 25 de Xullo do 1930 ata o cinco de Marzo do ano 1936).
• a de Santiago de Requeixo (do nove de Maio de 1920 ata o seis de Marzo).
• a Federación de Sociedades Agrarias de Labradores dos Partidos Xudiciais de Lugo, Chantada, Taboada, Monforte de Lemos, Ourense e Lalín (cunha vida total de dez anos, do 27 do Abril de 1921 ó 27 de Abril do 1931).                              
    ver listado completo das Sociedades Agrarias de Chantada [+]

  voltar ó índice
ampliar
ampliar [+]
Sociedades Agrarias
ampliar
ampliar [+]
Xantar das Sociedades Agrarias
    Temos constancia de que no ano 1934 foron pechadas un total de 108 sociedades na provincia de Lugo repartidas nun total de 37 municipios; un número elevado das mesmas tiñan como sede Chantada. Este feito tivo que ver coa rebelión de Asturias producida nese mesmo ano. Tralo conflito, as autoridades decidiron pechar estes organismos por considerar que o seu funcionamento era prexudicial para o mantemento da orde pública; tamén esgrimiron o feito de que algúns asociados tomaran parte nos actos sediciosos do mes de Outubro. Cómpre subliñar que os órganos de poder xamais atoparon documentos, armas ou explosivos que encausaran a algún membro das distintas asociacións nos actos violentos acaecidos a finais do ano 1934. O 43,3% das entidades clausuradas eran agrarias.Un ano despois, o Secretario Xeral da Organización Republicana de Chantada, don Virgilio Ledo Santo-André, pídelle ó Gobernador Civil da provincia que se levante a clausura dos locais de diversas sociedades agrarias pertencentes a esta organización. Ó mesmo tempo tamén lle solicita que lle sexan devoltos os seus libros e selos que estaban en poder desta autoridade.
  voltar ó índice
11.3. As feiras de Chantada: factor de dinamización social e económica
ampliar
Día de feira no cantón
    Contan diversas fontes que as feiras celebradas na vila de Chantada chegaron a ser as de máis sona da provincia de Lugo. Neste senso, é conveniente citar ó autor Lucas Labrada quen na súa obra “ Descripción económica del Reino de Galicia ” argumenta que as feiras do día cinco de cada mes celebradas en Chantada eran das mellores da provincia para a venda de carnes salgadas, liño e tecidos nacionais e estranxeiros. Queira como fora a historia non se pode obviar o feito de que a celebración de tales eventos supuxo para o noso concello un importante foco de actividade económica, amais de ser centro dunhas inusitadas relacións sociais. Da feira do día 5 tense constancia máis aló do ano 1860 aínda que non debemos esquecer que existen documentos de gran antigüidade que falan de tal evento. Poñamos como exemplo un escrito citado en anteriores liñas; no mesmo o rei Alfonso X confírmalle ó priorado de San Salvador de Asma o beneficio da metade do portádego da feira de Chantada (segunda metade do século XIII). Pero volvamos a datas máis recentes. O 28 de Xuño do ano 1912 emítese unha Real Orde do Ministerio de Gobernación pola cal se concede á feira da vila unha declaración de tradicionalidade. Deste dato pódese inferir a raizame mercadeira de Chantada que en tempos foi o eixo agrícola e gandeiro dos sete concellos que forman o partido xudicial. Pero a súa influencia foi máis aló da provincia de Lugo; concellos como Rodeiro, Carballiño ou o partido xudicial de Lalín víronse inmersos na espiral do feiral chantadino.Diante de tanta actividade as autoridades pensaron en desglosar o evento en dúas xornadas. Deste xeito o día 21 de cada mes comezou a celebrarse feira na vila. O día 5 resultaba incapaz para atende-lo volume progresivamente crecente de transaccións de produtos agrícolas e gandeiros que en Chantada se levaban a cabo. Segundo comentan diversos fontes, tal desglose non produciu unha diminución nas actividades económicas que na feira da nosa vila se producían; máis ben ó contrario. O evento sufriu un amplo pulo, feito que fixo imprescindible a adquisición dun campo feiral de moi superiores dimensións ó primitivo; o mesmo é o que chegou ata os nosos días.

  Artigos relacionados
 
     :. Revueltas de los Irmandiños
       
Carlos Barros
       Universidade de Santiago de Compostela (español)
     :. Felipe III (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. Carlismo
       
Wikipedia
     :. Isabel II (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)
     :. La Dictadura de Primo de Rivera
       
www.historia-es.com
    :. Alfonso X El Sabio (Biografía)
       
www.artehistoria.com (español)



web desenrolada por novodesenho créditos