mapa web contacta co concello páxina principal
galego
 
 
 
 
 
 
Bacas do Minho
 
Fundación Xosé Soto de Fión
 
Federación Galega para a Cultura Marítima e Fluvial
 
Asociación Lanchas do Sil
 
Entroido de Verín
 
Entroido de Xinzo
 
Entroido de Laza
 
Entroido de Maceda
 
Entroido de Maceda
 
Entroido de Vilariñode Conso
 
Entroido da Ulla
 
Entroido de Cobres
 
 
 
o tempo en chantada
 
novas
 
fotografias
 
xornais
 
Carteleira de cine en Galicia
 
buzón de suxerencias
 
Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas
 .: Concello :: historia
ÍNDICE
  1. De castros e brigancios
  2. Outros vestixios arqueolóxicos
  3. O castro Candaz
  4. O nome de Chantada
  5. É tempo de invasores
  6. A colonización monacal e a pegada do románico
  7. O explendor do monacato en terras de Chantada
  8. Señoríos e Nobleza
  9. Lendas, mitos, crenzas e miragres
  10. Edificacións significativas máis recentes
  11. A historia continúa...
    11.1. As partidas carlistas
    11.2. Pequenas pinceladas
    11.3. As feiras de Chantada: factor de dinamización
            social e económica
    11.4. Folklore e etnografía popular
    11.5. Os comezos da prensa chantadina
    11.6. De temas políticos
    11.7. Un percorrido pola Chantada de comezos
            do século XX
    11.8. Progreso á vista
  12. Hai poucos anos
  13. Algunhas personaxes ilustres

11.4. Folklore e etnografía popular
  En Chantada hai moito de tradición popular. Romarías, festas, música, etc., invaden tódolos recantos do noso concello. De entre toda esta amalgama de actividades destacan algunhas que cobran especial relevancia co paso do tempo.

• Folión de Carros
  É digno de destacar Folión de Carros. Aparece enmarcado na celebración das festas patronais da vila (o Sábado das mesmas), cuxa data se corresponde co cuarto fin de semana do mes de Agosto.
ampliar
Carroza do Folión dos anos 30
Estamos diante dunha mostra de etnografía popular cuxos orixes se poden remontar á Idade Media. Tan só por un día, os gremios abandonaban o seu tradicional illamento para facer como unha especie de manifestación conxunta onde se podían ollar a multitude de oficios que circundaban por aqueles tempos o noso concello. Non se deixou de celebrar tódolos anos a excepción daqueles que abrangueu a Guerra Civil; foi restituída no ano de 1949 polo entón alcalde Luís Campo Fernández.

ampliar
ampliar [+]
Folión de carros
    Un dos actores protagonistas neste acto son as xugadas de bois e vacas que terman e empurran unhas carrozas que percorren as diversas rúas da vila; sobre as mesmas represéntanse diversos oficios moi populares na nosa comarca noutros tempos. Muiñeiros, zoqueiros, carpinteiros, etc., son algúns dos oficios retratados. Amais disto, tamén son escenificadas diversas labores agrícolas de fonda presenza en Chantada e cuxas orixes se remontan a tempos pretéritos da historia: a vendima, a seitura, a malla,... O folión de carros ven a representar a cultura popular destas terras que é unha mestura de diversos elementos: humor, respecto, tradición, nostalxia, etc. A súa importancia foi recoñecida en Maio do ano 2002 cando a Xunta de Galicia a declarou Festa de Interese Turístico.
  voltar ó índice
• A Muiñeira de Chantada
 
ampliar
Partitura da muiñeira
    Neste apartado non se pode obviar a Muiñeira de Chantada. A nosa vila ten moitos signos de identidade pero un dos máis importantes é esta peza musical tradicional, amplamente coñecido en Galicia e fora dela. Nun primeiro termo temos que argumentar que a nosa Muiñeira foi popularizada polos gaiteiros de Soutelo con Avelino Cachafeiro á fronte. Foron estes magníficos músicos os que a difundiron por todo o mundo (na Olimpíada de Berlín, en Sudamérica, en Madrid...) sendo posible que fixeran algún arranxo na peza. Para exemplificar esta fama dicir que o “Ballet Galego” escenificou esta muiñeira nun dos seus bailes baixo o titulo de “o zoqueiriño de Chantada”. A canción, que ven de tempos antigos, está intimamente ligada á familia dos “Ferraias”; así o testemuñan os veciños de Outeiro de Mariz. Segundo contan foi interpretada por Antonio Fernández aínda que foi o seu sobriño, Victorino Fernández García (que tocaba o clarinete e o saxofón) quen lle deu a forma definitiva. Nado en Outeiro de Mariz no ano 1880, fixou a súa residencia na “casa dos Ferraias” sita en Taboada. De seguro que nunca soñou con que a súa obra adquirise o protagonismo e a representatividade que nos nosos días ten.
                   
                   
escoitar Escoitar a Muñeira de Chantada interpretada
por Ricardo Portela

128 Kbps, 441000 Hz, Stereo

  voltar ó índice
As Barcas do Miño
Barca do Miño con pousa
   Fagamos unha viaxe imaxinaria ata o principal río de Galicia para coñecer de preto estas interesantes embarcacións. Polo xeral, non posúen quilla e caracterízanse por ter un fondo chan; a súa forma é rectangular e tanto a proa como a popa responden á mesma disposición. A configuración destas barcas está condicionada na súa totalidade pola orografía da Ribeira Sacra xa que este era o lugar onde desenvolvían a súa actividade. Estamos diante de naves monocasco aínda que tal afirmación cómpre engadir unha excepción, os barcos de dornas, embarcacións de dobre casco presentan dous flotadores. As barcas do Miño eran propulsadas a remo ou vara e o material co que os carpinteiros se valían para facelas era a madeira polo sistema de táboas a tope. Na súa construción primaba a facilidade de manexo e de elaboración polo que eran basicamente funcionais; exemplo do dito témolo no dato anteriormente reflectido de que non posúen quilla, aspecto que facilita en gran medida a carga e descarga dos produtos que transportaban.
O marco xeográfico destas embarcacións cinguíase ó tramo medio do río Miño e mostraban diversas tipoloxías dependendo de onde fosen construídas. Para poder ollar con claridade o exposto citarei tres tipos de barcas en concreto:

Barca de Portomarín
1. Barcas de Portomarín
Posuían unha dianteira curva con dúas cavernas ou “vincos” transversais a excepción dun madeiro lonxitudinal. Esta tipoloxía pódese estender ou remontar ata o nacemento do Miño e algúns exemplos das mesmas atópanse na actualidade na terra Cha. Tamén se lle soe denominar batuxo.

Barca do Miño con pousa
2. Barcas de Chantada
Nestas barcas o costelar está formado por tres ou catro “domos” lonxitudinais, algo curvados nos extremos, a xeito rectangular na que non se aprecia distincións entre proa e popa. Non era estraño o feito de que este tipo de embarcación levase unha especie de plataforma superior, “pousa”, para poder aumenta-lo tamaño da carga. No concello de Ferreira de Pantón, limítrofe co de Chantada, existían barcas moi similares ás do noso municipio que se mantiveron en activo ata os anos oitenta do século pasado.

Barco de dornas
3. Barco de Dornas
Outra tipoloxía de barca do río Miño desaparecida na segunda metade do s. XX é o barco de dornas e que xa foi estudado por Xaquín Lorenzo na súa época, actualmente recuperado grazas a reconstrución realizada pola Fundación Xosé Soto de Fión, este barco consta de dous cascos, flotadores construídos a partires de troncos de madeira escavados que reciben o nome de dornos ou dornas, sobre os que asenta unha plataforma construía con táboas. No seu momento estendeuse dende Belesar ata A Guarda.

  Fotografías antigas das barcas do Miño
 
 
ampliar
Barca de paso
ampliar
Barca de paso en Chouzán
ampliar
Batuxo en Porto, O Saviñao
ampliar
Barca con cestos na pousa
ampliar
Vicente Risco e Chamoso Lamas nun barco de dornas en Chouzán
ampliar
Barco de dornas empregado para pescar
 

  Coa chegada da modernidade, que supuxo unha notable mellora das comunicacións (estradas, pontes, etc.), este mundo imbuido en sí mesmo rachou e perdeuse en gran medida. O toque de gracia foi asestado pola construcción dos encoros de Peares (1955) e Belesar (1963), que transformaron o espacio físico da ribeira de xeito total. Con eles desapreceron moitos asentamentos poboacionais sitos a pé de río e perdéronse moitas terras de cultivo. Foi a fin dun modo de vida e, con el, o das barcas de río das que apenas se conservan media ducia de exemplos no curso medio do Miño; na chantadina aldea de Pincelo aínda se pode ollar algunha destas embarcacións.

Fotos das barcas cedidas pola fundación Xosé Soto de Fión
  voltar ó índice
O Entroido Ribeirao
Volante
  Moi castigado nos derradeiros anos do século pasado foi retomado na freguesía de Santa María de Nogueira no período comprendido entre os anos 1994 e 1996, onde levaba doce anos sen celebrarase. Tamén a veciña parroquia de Vilaúxe volveu a festexar o Entroido entre os anos de 1991 e 1993 retomándoo definitivamente a partires de 1997. Outras freguesías do entorno ribeirao de Chantada deixaron de organizar esta actividade; exemplo disto témolo e San Pedro de Líncora e en Santiago da Riba e a estas podemos engadir, iso contan os veciños de maior idade, a parroquia de Camporramiro e o concello de Ferreira de Pantón. Na actualidade tense certeza dun dato que exemplifica de xeito evidente a importancia que o Entroido Ribeirao tivo nas xentes da zona próxima ó río Miño: a feroz competencia que existía entre as parroquias veciñas para ver cal delas organizaba o mellor Entroido. Trocando aspectos xeográficos por outros puramente formais dicir que a festa chantadina se prolonga durante todo o mes de Febreiro constatándose catro días de festexos:

- Domingo Lambedoiro
Ou de septuaxésima, segundo Xosé Manuel Vázquez Rodríguez esta data atópase moi relacionada coa gastronomía que se mostra como parte fundamental do Entroido. Tamén é coñecido este Domingo como fareleiro ou borralleiro xa que os festeiros se lixaban uns ós outros con diversos produtos ofertados pola nai natureza; tamén era común arroxar formigas cabalares con vinagre.
- Domingo Corredoiro (ou de sesaxésima); data na que son comúns xogos de diversa índole amais de algunha que outra representación teatral.

- Domingo de Entroido
Ou de quincuaxésima, día propio da festividade.

- Martes de Entroido
Data moi arraigada nos últimos anos na vila de Chantada onde os volantes, chegados da ribeira, van acompañados de numerosas comparsas. Neste día tamén se produce o testamento da máscara, acto no que se repasa a vida dos veciños da zona; na freguesía de Vilaúxe celebran o enterro do Santo Entroido, que simboliza a festividade no seu conxunto, é introducido nun cadaleito de formica que posteriormente se cubre con follas. Os volantes bailan arredor da caixa fúnebre mentres o crego e o sancristán tentan resucitar ó cadáver. Despois de diversos requisitos bérranlle: “¡sae dunha vez! ¿qué, non queres que haxa festa?”; nese intre o Santo Entroido érguese e di: “tede a festa tranquilos que xa volverei pro enterro”, nese momento marcha para volver o Martes de Entroido. Nesta data é conducido ó campo da festa e vólvese a introducir no cadaleito. Aproveitando o baile dos volantes emprende a fuxida para non regresar ata o ano que ven. Este é o xeito no que se representa o enterro do Santo Entroido.

ampliar
Neno vestido co pucho
ampliar
Colonias e flores
ampliar
Pano "portugués"
  En canto ós personaxes típicos do Entroido Ribeirao caben ser destacados, por riba de calquera outro, os volantes que dotan á celebración chantadina de gran parte da súa singularidade. Portan sobre a testa os famosos “puchos” que non son outra cousa que enormes gorros dos que se di que teñen a forma de camarín da Virxe. Estruturas moi pesadas, estímase que poden chegar a pesar 15 quilos, teñen unha estrutura interna de madeira feita con paus de vimbia ou salgueiro. Sobre ela colgan numerosas cintas ou “colonias” de moita anchura e lonxitude cunha gran profusión de colorido. Tamén é común que sobre o “pucho” se coloquen bonecas e flores que nun tempo eran elaboradas polas mulleres das distintas parroquias; coméntase que en cada freguesía tiñan un xeito de elaboralas. Nos ombreiros, os volantes levan un pano cunha gran variedade cromática chamados “portugueses” para diferencialos dos utilizados na antigüidade, denominados “marinos” xa que moitos dos mesmos proviñan de ultramar sendo de cores máis tristes. O volante, sempre masculino, ten unha vestimenta inferior caracterizada por presentar unha serie de bandas con cores moi significativas; son comúns as cores vermella e amarela (por ser como a bandeira española; dise que na antigüidade era a tela máis barata) aínda que na actualidade non é estraño ver ós volantes coa cromática azul/branco.
       
Campaiñas dos volantes
  Estas relevantes personaxes portan un cinto feito en coiro, o da parroquia de Santiago da Riba estaba realizado en coiro de porco por ter maior duración, sobre o que penduran un total de 24 campaíñas (as “esquilas” de Manzaneda e Viana do Bolo) que se van alternando en función do seu son; as de timbre grave, denominadas “ machos ”, e as de son agudo ou “femias”. O seu papel ou función é a de protagonista principal, anunciando a festa aló por onde van.
               
Peliqueiro
  Outro dos actores protagonistas do Entroido ribeirao é o peliqueiro. Contrapunto que é do Volante, viste dun xeito farrapento e descoidado con roupa sempre vella. É bastante común que cubra a súa faciana e maila súa cabeza cunha carauta realizada case sempre en pel. O seu rol é o de abrir paso ó Volante valéndose dunha correa de coiro que agarran polo pulso; coa mesma cargan sobre as xentes que aparecen no camiño. Na súa parte posterior, a altura do van, levan unha gran choca do xugo dos bois sen esquecernos que tamén portan unha pelica, de aí ven o seu nome. En tempos acompañábano no seu camiñar os Mecos e os Maragatos, protagonistas tamén do Entroido Ribeirao, aínda que a día de hoxe son pouco frecuentes e na maioría das ocasións atópanse confundidos co peliqueiro.
    
Representación dun oficio
  Unha das características máis relevantes deste festexo son os   “oficios ”. Estes non son outra cousa que pequenas representacións teatrais nas que se trata cun ton satírico diversos aspectos da actualidade ou da vida cotián das persoas. É bastante frecuente que os asistentes se mesturen cos actores vinculándose directamente na representación da sátira. Sobre os temas tratados nos oficios salientar algúns exemplos para ter un concepto claro da simboloxía dos mesmos: a voda de dous curas homosexuais, figuracións sobre algún presidente do goberno, etc. No pasado non era común o feito de falar nestas pezas teatrais; o habitual era realizar diversos ruídos expresivos do que se quería dicir. Os oficios aínda sendo moi representativos da celebración feita na nosa comarca non son únicos da mesma. Hai que trasladarse poucos quilómetros para ollalos en Salcedo (Lugo), en Viana do Bolo (Ourense) ou en Manzaneda.
               
Trentino en Italia
Cobres, Pontevedra
Un Momotxorroak, Navarra
semellante ó peliqueiro
                   
  
Analizando polo miudo o Entroido de Chantada óllase como posúe moitos puntos en común con outros entroidos celebrados non só en Galicia, senón tamén no resto de España e Europa. Algunha das mesmas foron comentadas en liñas anteriores pero existen máis. Poñamos como exemplo os gorros e as cintas coloridas que tamén son características das celebracións feitas en Valfloriana, Italia; os puchos tamén son habituais no Trentino (Italia), ou en Telfs (no tirol austríaco). Máis puntos en común. Os peliqueiros da nosa comarca son os denominados “Momotxorroak” (homes salvaxes) de Navarra e as bonecas que en Chantada se colocaban nos puchos tamén aparecen no Entroido de Cobres, localidade da provincia de Pontevedra. Pero o Entroido tamén ten unha profunda carga simbólica. A festividade atópase inzada de referencias simbólicas que fan alusión, normalmente, á natureza que nos rodea. Mostra do comentado témola nas cores vivas que adornan ó volante; as mesmas crese que son un intento de engano á natureza para que esta crea que o inverno rematou e que xa é hora de que o clima troque para ter condicións climáticas máis benignas. Outra referencia simbólica é a que nos ven mostrada polas campás que os volantes axitaban con moito fervor unha vez chegados ás terras de cultivo; pénsase que tal acto viña motivado pola crenza de que o son das campás aumentaría a fertilidade das terras; nalgúns lugares de Europa, o son das campás era utilizado para expulsa-los malos espíritos.
Para rematar co relato do Entroido dicir que non sempre foi ben visto polas autoridades. Poñamos como exemplo a ditadura franquista que como era habitual, vía pantasmas  onde nos as había. A esta oposición das autoridades uniuse a dos cregos que tentaban inculcar ós rapaces a repulsa pola festividade. Nunca conseguirían tal feito xa que os nenos ollaban nos seus lares a paixón dos ribeiráns polo Entroido. Era común que os mesmos fixesen xuntanzas nas adegas, sempre ás agachadas, para tentar evitar ós gardas. Unha vez feitos os preparativos daba comezo o festexo no que había unha especie de vixiante que daba aviso da chegada das autoridades.

...“Volante” rexo o abandeirado
que ó son das campaíñas
bailas e campas.
¡As “colonias” ó vento
contigo danzan!
¡E coas tuas reviravoltas
as cores xiran e cantan!
¡Que espectáculo
que abraio de estampa!
Baila-las campás
e as “colonias” danzas
en retrincos de cor
os soídos estalas...

(Sabela Díaz Regueiro, ano 2002)


  Artigos relacionados
 
     :. Festas de interese Turístico
       
Turgalicia (galego)
     :. Avelino Cachafeiro
       
Xosé Manuel Rivas Troitiño
        Concello de Forcarei
(galego)
     :. Barcas do Minho
       
www.barcas.org (galego)
     :. Botadura do Barco de Dornas en Belesar
       
- Fundación Xosé Sotode Fión (fotos)
        - El Progreso nova (03-07-2005)
        - La Voz de Galicia nova (03-07-2005) 
     :. Fundación Xosé Sotode Fión
       
www.sotodefión.org
     :. Carnevale Trentino
       
Entroido de Valfloriano, Trentino (italiano)
    :. El carnaval rural de Alsasua, el Momotxorroak
       
(español)
    :. Entroido de Cobres
       
Concello de Vilaboa, Pontevedra (galego)


web desenrolada por novodesenho créditos