O espertar da conciencia xornalística na vila non foi, nin moito menos, doado. Transcorría o ano 1908 cando se comezaron a constatar os primeiros xermolos desta actividade, sendo froito dos mesmos o semanario
“Faro-Miño”. Nado o 22 de Agosto dese ano tivo por fundador a un ilustre chantadino lembrado en moitas esferas culturais da vila:
José Costa Figueiras. Aínda que será protagonista dun posterior apartado, cómpre salientar neste punto que esta prolífica personaxe exerceu a arte do xornalismo en lugares ben diversos tales como Lugo, Madrid, Barcelona ou Bos Aires, lugar a onde se trasladará unha vez pechada a publicación. Foi autor de numerosas obras entre as que destaca
“Los agros de Sureda” na que aparece reflectida a vida chantadina dos derradeiros anos do século XIX. Costa Figueiras foi director, redactor xefe, gacetilleiro e facturador deste semanario do cal se conservan poucos exemplares ascendendo a cifra a vinte e tres. Os seus contidos xiraban en torno a temas cotiáns da vila como son as críticas que verten ó deputado conservador do distrito do que argumentaban que non atendía as necesidades do mesmo. A redacción e a administración deste semanario estaban sitas na rúa do Comercio número 2 da vila de Chantada, sendo o prezo de cada exemplar de 0,50 pesetas.
1912 preséntase para o xornalismo chantadino como o ano da madurez ou da consolidación. Será nesta data cando fagan aparición dous xornais que cobraran diverso protagonismo na vida da comarca, estando ligados ámbolos dous a correntes políticas antagónicas nos postulados. O 26 de Maio sae á rúa
“El Centinela”; semanario conservador autoproclámase como “independente” e “defensor dos que rezan, traballan e pagan”. Figura como director do mesmo
Lorenzo Vázquez Campo a quen debemos un amplo tratado sobre dereito constitucional e un magnífico estudo sobre o gran pintor de orixe grega chamado
O Greco. Neste xornal colaboraron diversas xentes entre as que cómpre destacar a:
Ramón Gutiérrez Tojo,
Julio Pérez Guerra (que co tempo chegará a ser director de “La voz de la verdad”) e
“Riberita” (novelista de gran prestixio). Os temas tratados eran os cotiáns da época aínda que
El Centinela daba unha maior relevancia ás cuestións relixiosas, feito nada estraño pois neste semanario tiña moito protagonismo o cura párroco do Convento (don Marcial Cereijo). Tamén eran recollidas outras cuestións tales como os numerosos problemas municipais e políticos de Chantada.
A outra publicación que apareceu na data de 1912 e que compartiu periplo con
“El Centinela” foi
“La Comarca”. O seu primeiro número sae á rúa o 22 de Decembro dese mesmo ano seguindo unha tendencia política próxima ó bando liberal. De orientación “maurista” é antagónico nos seus postulados a
“El Centinela”. Nel colaborará con relativa frecuencia e, na súa etapa inicial, unha das máis afamadas e poderosas familias de Chantada: os Soto Lemos. Outras colaboracións, algunhas de notable importancia, tiveron por protagonistas a don
Modesto López Vázquez ou a don
Avelino Gómez Ledo. Son moi diversos os temas que se trataban nel, mostrándose unha profunda inquedanza polo sector labrego. As posicións mantidas no ámbito político posuían un carácter moderado. A subscrición a este xornal estaba fixada en 1,25 pesetas cada mes e o abono trimestral ascendía a 3 pesetas no estranxeiro. A dirección, redacción e administración do semanario estaba sita na rúa Santiago número 2. Tense constancia de que no ano 1914 aínda se seguía publicando.
Haberá que esperar ata o ano 1916 para poder ollar nas rúas de Chantada outro xornal. Tomará por nome
“Hidalguía” e o seu primeiro número aparece en Febreiro deste ano. Autocualifícase como “único semanario maurista que se publica en Galicia” e contaba cunha portada de luxo, obra doutro ilustre chantadino:
Manuel Vázquez Campo. O xerente deste semanario foi Ramón Gutiérrez Tojo, aquel que xa plasmara en
“El Centinela” diversas reflexións. Outras xentes que colaboraron con esta publicación foron Abelardo Otero, Vázquez Boo ou Vázquez Campo.
11.6. De temas políticos
Podemos advertir o feito de que a política no noso concello sempre se mostrou viva. Se nos remontamos ós comezos do século XX podemos ollar coma no estado español reinaba un corrupto réxime bipartidista amplamente estendido: o da
Restauración. Desta época temos diversas noticias referentes a Chantada da que se fala como unha zona “enfeudada” para os conservadores que tiñan na nosa comarca pleno control sobre as diversas actividades políticas. Nestes distritos producíase toda unha serie de tramas de influencias e favores con deputados case que eternos e poderosas familias entre as que destaca, na nosa vila, a dos Bugallal. Estes parentescos tiñan numerosos delfíns e protexidos na provincia; deputados afectos á familia Bugallal eran
García Leaniz e
L. Rodríguez Díaz. Os documentos tamén reflicten o feito de que Chantada, despois de Monforte de Lemos, era o foco de “enfeudamento” máis importante da provincia. Tamén neste comezo de século se produce o nacemento dunha agrupación política enmarcada na corrente nacionalista; estou a falar de
Solidariedade Galega. Crease no ano 1907 e a súa duración será moi limitada no tempo. O seu nacemento está en ampla conexión coa
Lliga Catalana que fora a impulsora da agrupación política
“Solidaritat Catalana”; a mesma arrasara na contenda electoral das municipais do ano 1907. O experimento galego non funcionou en absoluto tendo resultados máis ben pobres. No territorio galego formáronse diversas ramas solidarias constatándose en Chantada unha delas. De novo a nosa vila se mostra plenamente inmersa nas diversas accións e actividades que no territorio galego se levan a cabo.
Outro proxecto político de consideración foi o da Organización Republicana Lucense. Constituíuse o 10 de Marzo de 1930 na cidade de Lugo coa asistencia de 36 afiliados pertencentes á ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma) e a ALR (Alianza Republicana); reuníronse baixo a presidencia de José del P. Sevillano, Camilo López Pardo, Rafael de Vega, Desiderio Fole e Avelino López Otero. Nos seus estatutos figuraba como un dos seus obxectivos: “organizar a opinión republicana sen exclusión de matiz algún para unha acción proselitista e política, tan ampla e de tanto alcance como permita o lexítimo poder público”. Deste xeito pódese ollar o marcado carácter moderado desta asociación a cal pretendeu ramificarse polo conxunto da provincia. O método para conseguilo foi o de establecer seccións en diversos municipios, véndose o noso concello inmerso neste proceso. O 27 de Outubro do ano 1930 crease na vila de Chantada unha asociación republicana proxectada por tres persoeiros de fonda presenza na nosa vila: Daniel Vázquez Campo, presidente da mesma, Antonio Noguerol Eyré, vicepresidente e Modesto Álvarez Taboada. Á mesma estaban afiliados destacados nomes do movemento agrarista.
Citemos a continuación diversos partidos políticos xurdidos na vila do Asma no período comprendido entre os anos 1931 e 1932:
• Partido Republicano Radical; presidido por don Carlos González Paz.
• Agrupación Local do Partido Republicano Radical Socialista; a cuxa cabeza estaba don Manuel López García.
• Partido Galeguista de Chantada; figuraba como presidente don Benito Rivadulla Pascual.
• Juventud de Acción Popular; presidida por don Manuel Lorenzo Pardo.
• Juventud Socialista; como cabeza de lista figuraba don Luciano Fraga García.
 |
|
Benito Rivadulla Pascual,
presidente do Partido Galeguista |
Membros da Asociación Republicana de Chantada
|
|
Cómpre facer unha apreciación neste punto. Todas as persoas que figuran como presidentes no listado anterior son os elixidos nas primeiras xuntas directivas de cada unha das agrupacións políticas indicadas.
Unha das características máis acentuadas na vida política da nosa comarca foi a do caciquismo reinante. En certo modo xa foi comentado en anteriores liñas cando se expoñían as tramas políticas existentes na nosa comarca aló polos tempos da Restauración. Pero a súa raizame no concello foi moita incluso trala instauración pola forza do réxime franquista. Aínda nos anos corenta a maior parte dos veciños da nosa vila seguían afectos a un cacique de gran importancia nas nosas terras: José Ouro. Tense constatado que trala morte deste, as xentes aínda seguían nos seus postulados a familiares do mesmo.
 |
| Cartel Republicano |
Outro dos aspectos característicos da política chantadina, ó igual que a do resto do estado, foron as diversos fraudes producidos nos comicios electorais. Exemplo disto témolo nas decisivas eleccións a Cortes do 28 de Xuño do ano 1931. Tense constancia da presentación de numerosas denuncias nos xulgados por delitos de fraude electoral; de entre os núcleos provincias que maior número de protestas presentaron atopábase o de Chantada. Esta situación obrigou a anular na súa totalidade estes comicios, decisión adoptada tralo acordo das Cortes que dispuxeron unhas novas eleccións para o 23 de Agosto dese mesmo ano. Pero de novo os resultados foron postos en tela de xuízo. O Parlamento aceptou os mesmos pero na Xunta Provincial repetíronse as protestas e reclamacións durante o proceso de escrutinio de ditos comicios. As irregularidades foron moi numerosas descubríndose varias das mesmas nalgunhas actas enviadas por diversos municipios, entre eles Chantada. Os candidatos presentes no escrutinio estimaron que nestes concellos se cometeron delitos electorais xa que se atoparon con actas dobres e troco de datas e alteracións nos selos.Máis conflitivas foron as eleccións do 19 de Novembro do ano 1933. De novo os fraudes e as manipulacións voltaron a estar á orde do día; incluso se pensa que este tipo de situacións foron máis virulentos que no ano 1931. De feito tense constancia de que en Chantada se exerceu a violencia mediante a utilización das armas.
 |
| Cartel Fascista |
Si ben xa se falou da existencia de numerosos partidos de matiz republicano no noso ente provincial as faccións de corte abertamente fascista eran moito menores en número. En concreto sábese da existencia de dúas: unha estaba sita en Lugo capital e a outra tiña por sede Chantada, aínda que cunha militancia clandestina durante a era do goberno do
Frente Popular. E é que este tipo de organizacións tiveron a época de maior proliferación na etapa do
Bienio Negro. A Guerra Civil trouxo consigo a inevitable represión dos vitoriosos sobre os vencidos. As maiores cotas de violencia tiveron por marco cronolóxico os tres primeiros meses despois de estalar o conflito e a súa incidencia reflectiuse con especial notabilidade na capital provincial, nas zonas montañosas orientais, en Chantada e nos municipios de Ribadeo e A Pontenova. Pero por qué aquí? En todas estas zonas existía unha oposición armada máis ou menos forte contra o
Alzamento. Tamén era común que nestes mesmos lugares se producisen actividades de violencia política contra o novo réxime.