Chantada é un dos 4 destinos starlight da provincia

O concello de Chantada prepárase para promocionar neste 2026 todas as súas potencialidades como Municipio Starlight. O 12 de agosto deste ano vivirase un fenómeno astronómico que non se vía na península en máis dun século e que non se repetirá ata o ano 2180. A eclipse solar total do 12 de agosto fai que a provincia de Lugo sexa o destino ideal para gozar deste fenómeno, xa que é a provincia galega con maior presenza da franxa de totalidade da eclipse.
No concello de Chantada comezarase a ver a eclipse ás 19:32:21h, alcanzando a súa totalidade ás 20:29:26h e o remate ás 21:22:51h. A isto engádense as condicións óptimas propias dun Municipio Starlight adecuado para visualizar este tipo de fenómenos, con espazos amplos e despexados, sen obstáculos para ver a posta de sol, momento no que se producirá a eclipse.
Chantada ademais de atoparse na franxa de totalidade, é un dos 4 destinos Starlight da provincia, dos 9 que hai en Galicia. Neste contexto o concello organiza unha ampla programación para promocionar esta celebración histórica e dar a coñecer as súas características como Municipio Starliht, certificación que se lle concedeu en marzo do 2025 por espazos como o Monte do Faro ou a ribeira na zona de Amedo.
Durante os meses previos á xornada do 12 de agosto o Concello de Chantada organiza as seguintes actividades dentro da súa programación de astroturismo:
- Xornada de divulgación sobre a eclipse solar dirixida ao sector turístico e prensa local, que ofrecerá información práctica sobre o fenómeno para que despois poida ser trasladada a visitantes e cidadáns. Incluirá charlas e mesas redondas sobre astronomía básica dunha eclipse e observación segura, achegándose tamén ás implicacións sociais do fenómeno e con obradoiros e talleres prácticos sobre a fotografía da eclipse. A actividade en colaboración con Turismo de Galicia, terá lugar o 28 de abril, e darase a coñecer a súa axenda nos próximos días.
- Actividades de guiado e observación estelar.
- Obradoiro práctico de iniciación á astronomía, dirixido a empresarios e emprendedores turísticos.
- Obradoiro de astrofotografía.
- Charla divulgativa sobre a eclipse solar para o público en xeral.







