Durante xuño e setembro abrirán de luns a domingo en horario de 16:00 a 20:00h

O Concello de Chantada programa para este verán ampliar o servizo da Piscina Municipal, de modo que as instalacións abrirán antes, o 23 de xuño, e manteranse abertas ata o 15 de setembro.
“As previsións climatolóxicas destes días fan que poidamos abrir as piscinas xa o 23 de xuño, unha vez que rematen as clases, e se o mes de setembro é bo, estarán abertas, como mínimo, ata mediados de mes”, explica o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela. “Será a primeira vez que as piscinas estean abertas case 3 meses para que todos poidamos gozar durante o verán destas fantásticas instalacións que temos en Chantada”.
As Piscinas Municipais de Chantada, situadas na rúa Serra do Faro, ao carón das Piscinas Climatizadas, contan coa piscina para adultos/as e o vaso para nenas e nenos; ademais de amplas zonas verdes e espazo de estacionamento. A entrada ás instalacións é gratuíta.
Durante os meses de xullo e agosto, de luns a venres, o horario será de
- 12:00h. – 14:00h.
- 15:00h. – 20:30h.
- Sábados, domingos e festivos horario continuo de 12:00h a 20:00h
En xuño e setembro, tamén de luns a domingo, o horario será:
- 16:00h. – 20:00h.
As Piscinas Municipais de Chantada contan con persoal formado para atender á seguridade dos/as usuarios/as e á correcta utilización das instalacións. Durante o verán o Concello de Chantada tamén organiza aquí diferentes actividades deportivas e de lecer, especialmente destinadas á poboación máis nova.