Os semáforos comezarán a funcionar de modo normal na mañá deste martes coa presenza da Policía Local

Este martes, 22 de xullo, o Concello de Chantada pon en funcionamento de novo os semáforos que hai ao carón do Centro de Saúde, no cruce da Avda. de Monforte coa rúa Portomarín e coa Avda. dos Pilos.
Os semáforos comezarán a funcionar de modo normal na mañá deste martes, contando nos primeiros días coa presenza na zona da Policía Local, que colocará trípodes advertindo da nova situación. Os semáforos funcionarán en horario de 9:00h a 22:00h, quedando en ambar ou intermitencia de 22:00h ata a mañá seguinte ás 9:00h
A nova sinalización lumínica cumpre con todos os requisitos de visibilidade e seguridade que marca a normativa. Para isto foi necesario cambiar o sistema de iluminación por luces led nas torres de interseccións e nos semáforos de peóns, o que dá maior visibilidade e reduce o consumo. Renovouse ademais toda a maquinaria do cadro de control e pintáronse as diferentes estruturas.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, chama á precaución coa posta en marcha dos semáforos, que levaban tempo parados para efectuar estas melloras, “Esta intersección soporta moito tráfico e era necesario tomar estas medidas que melloran a seguridade na zona, sobre todo ao contar con máis visibilidade, e ademais supoñen un maior aforro para o concello”.