Conciliación cos Campamentos de Verán de Chantada

Co comezo do curso escolar o Concello de Chantada, a través da concellaría de Igualdade, pon en marcha un ano máis o Servizo de Madrugadores nos colexios. Co obxectivo de favorecer a conciliación das familias ofrécese atención á infancia desde as 7:30h. ata o comezo das clases, que no CEIP Plurilingüe Xoán de Requeixo se inician ás 9.30h. e no CEIP Plurilingüe Eloísa Rivadulla ás 8:55h. No primeiro utilizan o servizo 37 nenas/os e no Eloísa Rivadulla, 14.
“Cada vez máis familias utilizan o servizo de madrugadores que poñemos en marcha durante o curso escolar. Atendemos á conciliación familiar por traballo e tamén no tempo de vacacións. Desde o 21 de xuño e durante todo o mes de xullo, co servizo de madrugadores dábase atención de 8 da mañá ás 14:00h. Este tipo de servizos cada vez son máis demandados”, asegura o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Cos Campamentos de Verán, nos que participaron por quincena 250 nenas e nenos, preténdese ofrecer ás familias un espazo didáctico e de ocio que promova o coñecemento e a aprendizaxe conxunta entre a cativada. Coas diferentes propostas favorécese a creatividade, a educación en valores, o traballo en grupo, o respecto e a resolución de conflitos. Tamén se promoven a actividade física, o coñecemento do territorio e as habilidade sociais.
O alcalde asegura que os campamentos foron un éxito tanto na participación como no tipo de actividades que se ofreceron, “Fixéronse actividades de botánica polo paseo fluvial cos máis maiores, visitaron o muíño para coñecer o noso patrimonio e tamén houbo actividades interxeracionais no centro de día, na residencia da terceira idade, ou coa asociación de familiares de enfermos de alzheimer.”
Tamén na primeira quincena de agosto, o Concello de Chantada, poñía en marcha unha iniciativa especialmente pensada para a mocidade, un Campamento Dixital do que participaron unha vintena de rapazas/ces de 9 a 13 anos. Con esta actividade coñeceron como utilizar internet de maneira segura e o uso responsable das ferramentas dixitais.
