Actual, Concello, Novas|

Establécese unha cota única de 70€ que dá dereito a 3 actividades

O Concello de Chantada, a través da Concellaría de Deportes, organiza un ano máis as Escolas Deportivas Municipais Concello de Chantada, que na súa maioría, comenzan a desenvolverse o 15 de setembro. As actividadades terán lugar no Pavillón Deportivo Municipal, nos pavillóns dos centros de ensino da vila, no Estadio Municipal do Sangoñedo e na Piscina Climatizada, con propostas todos os días ata que remate o curso escolar.

A oferta deportiva atende a todas as idades desde preescolar, nadas/os no 2021, ata maiores de 60 anos establecéndose as seguintes modalidades:

  • Rapazas e rapaces: fútbol sala, fútbol, bádminton, tenis de mesa, pádel, baloncesto, ximnasia rítmica, tenis, voleibol, natación, patinaxe artística, escola de porteiros/as, patinaxe, multideporte e psicomotricidade, atletismo (cros)
  • Adultos: bailes de salón, tenis, atletismo (cros), fútbol 11 veteranos, pickleball, padel, bádminton, educación física e cardio, patinaxe, ximnasia de mantemento e sendeirismo.
  • Maiores de 60 anos: bailes de salón, sendeirismo, bádminton, ximnasia, ximnasia de mantemento.
  • Actividades deportivas adaptadas para persoas con discapacidade intelectual ou física en colaboración con Asdeme e Albores.

As Escolas Deportivas Municipais do Concello de Chantada teñen xa tres décadas de traxectoria e contan cada ano con máis actividades e máis participantes. Nesta ocasión incorpóranse novidades como o pádel de adultos, iniciación á patinaxe para adultos e atletismo cros tamén para adultos. “Seguimos ampliando a oferta porque cada ano temos máis participantes, no curso pasado inscribíranse máis de 550 persoas e batéronse todos os récords. Deseñamos a oferta como servizo público denominado, Deporte para Todas/os, con propostas participativas e inclusivas para promocionar hábitos deportivos saudables e mellorar a técnica e a disciplina deportiva. É ademais un servizo con vocación comarcal, e abrimos sempre a inscrición a rapazada e adultos doutros concellos”, explica o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, que anima á participación veciñal nestas propostas que contribúen a mellorar a calidade de vida.

A folla de inscrición está a disposición das persoas interesadas, desde este 10 de setembro, a través da web municipal, na Casa Consistorial, no Pavillón Municipal ou nos centros de ensino. A formalización do pago para a matrícula nas Escolas Deportivas Municipais debe de facerse no servizo de recadación do Concello de Chantada antes do 31 de outubro para poder participar das actividades.

Para matricularse nas Escolas Deportivas Municipais do Concello de Chantada establécese unha cota única de 70€, coa que cada persoa ten dereito a inscribirse en 3 actividades deportivas, contando con descontos para familias numerosas e IPREM.

O Concello de Chantada permite ademais a inscrición de nenas/os e adultos doutros concellos sen custe adicional e nas mesmas condicións que as persoas residentes en Chantada. Para máis información na oficina do Pavillón Municipal: luns e mércores de 20:15 a 21:15 h. Calquera dúbida atenderase de luns a venres de 10:00 a 21:00 h. neste teléfono: 616 53 33 39.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca