Novo panel turístico no Parque Eloísa Rivadulla

A Oficina Municipal de Turismo de Chantada despide a tempada de verán 2025 superando os bos datos da campaña pasada cun incremento de visitantes do 10,5%. No mes de xuño rexistráronse 728 visitas, en xullo 862, en agosto 1.273 e en setembro 866, procedentes maioritariamente de Galicia, Madrid, Cataluña, Andalucía, País Vasco, Comunidade Valenciana e Castela e León. O turismo nacional supón o 91,8%, e Galicia representa o 23,1%.
Pola súa banda o turismo internacional supón o 8,2 % dos visitantes, alcanzando un 24% máis, respecto ao ano 2024. Os turistas extranxeiros proveñen, en maior medida, de Francia, Reino Unido, Arxentina, Portugal e Canadá. Destaca tamén no balance deste verán, a aparición de novas procedencias como Nova Zelandia, Grecia, Letonia e un claro incremento de visitantes de Polonia, Cuba, Brasil e Canadá.
“Vimos percibindo nos últimos anos unha subida paulatina de viaxeiros que se achegan a coñecer o noso municipio atraídos polo emblemático casco histórico e o paseo fluvial da vila, o Canón do Miño, o Monte Faro, ou os templos románicos”, explica o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Desde este ano, como novidade, Chantada conta cun novo recurso, a declaración como Municipio Starlight, que reforza o seu atractivo turístico dende unha nova dimensión, a do astroturismo. A posta en marcha da primeira actividade astronómica, no mes de agosto, tivo moi boa acollida e xerou un grande interese entre as numerosas persoas participantes.
A Oficina de Turismo de Chantada, localízase na Casa da Cultura de Chantada, e nela sélanse tamén as credenciais do Camiño de Inverno a Santiago. De xuño a setembro seláronse 482 credenciais, cifra similar á do ano pasado nesas datas. Con todo, obsérvase un cambio de tendencia na chegada de peregrinos con respecto ao ano anterior, xa que os meses de xuño e setembro foron os de maior afluencia, cun 79% de peregrinos neste período.
O 81% dos peregrinos que pasaron pola Oficina Municipal de Turismo son de procedencia nacional e veñen principalmente de Madrid, Galicia, Andalucía e Comunidade Valenciana, mentres os estranxeiros supoñen o 19% e proceden, maioritariamente, de Portugal, Polonia, Italia, Alemaña, Nova Zelandia e Reino Unido.
Panel informativo no Parque Eloísa Rivadulla
A concellaría de Turismo de Chantada reforza a información turística da vila coa instalación dun novo panel turístico instalado no Parque Eloísa Rivadulla. O panel conta cun mapa turístico dos principais recursos do municipio e as imaxes correspondentes; e cun rueiro da vila de Chantada e información sobre os principais atractivos.
“Escolleuse esta zona para a instalación do panel informativo, porque é un espazo moi concorrido en Chantada, onde agora veciños e visitantes poderán consultar o rueiro e o mapa municipal de Chantada xunto con información actualizada de interese”, asegura o rexedor.
