No stand repartiranse gratuitamente embudes reutilizables

O Concello de Chantada desde a concellaría de Medio Ambiente está facendo unha forte aposta pola reciclaxe e a separación de todo tipo de residuos. Despois de comezar o 10 de novembro cunha ampla campaña informativa na rúa e nos centros de ensino sobre a xestión de residuos orgánicos e o fomento da compostaxe, esta semana comézase coa concienciación sobre a reciclaxe de aceite doméstico usado.
Dentro da campaña Recicla con Cabeza, Faino de Corazón, o venres, día 21 de novembro de 10:30h a 13:30h contarase cun posto informativo no cruce da rúa Xoán XXIII coa Avda de Monforte. Nesta xornada a veciñanza recibirá información sobre a reciclaxe do aceite usado e entregaranse de modo gratuíto, embudes reutilizables para traspasar o líquido aos envases de plástico que logo se depositarán no contedor laranxa, específico para este tipo de residuos.
“Ademais dos contedores de vidro, papel, os contedores amarelos, os de orgánica e de fracción resto, contamos co contedor laranxa para os aceites. Esta será a primeira campaña doutras que se levarán a cabo nos vindeiros meses para chegar con este tipo de información a todo o municipio”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a importancia de separar os residuos e depositalos nos contedores correspondentes.
O chamamento que se lle fai á cidadanía con este tipo de iniciativas é á participación na reciclaxe para reducir a contaminación e contribuír á economía circular. Estas campañas informativas están financiadas polo Concello de Chantada, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Transición Ecolóxica para mellorar a calidade de vida e a xestión dos residuos.








