Actual, Concello, Novas|

Conta ademais cun novo vehículo eléctrico para puntos limpos móbiles

O Concello de Chantada, desde a concellaría de Medio Ambiente, executa constantes melloras no servizo de recollida de lixo orientadas a ofrecer todos os servizos de reciclaxe en todo o municipio e informar dos procedementos a seguir con campañas informativas como as que executa nas aulas e a pé de rúa.

Desde o 2022, parte importante dos esforzos neste eido céntranse no Punto Limpo do municipio no que o concello amplía capacidade e servizos a través de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de recollida de residuos especiais de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resilencia financiado pola Unión Europea-Next Generation UE.

Cun investimento de case 50.000€ dos que o concello aporta o 10%, adquiríronse novos contedores de grandes volumes de 30m3 e 15m3, aumentouse a seguridade mediante iluminación e estableceuse unha zona cuberta de 12×3 onde se localiza un espazo de reciclaxe circular con aparatos e outro tipo de material, que pode ser recuperado e/ou reutlizado por outras persoas. Tal e como asegura o rexedor local, Manuel Lorenzo Varela, hai cousas que chegan ao punto limpo que están en bo estado, “os elementos que estean en boas condicións colocaranse nesta caseta para a xente que queira darlle unha nova vida. Lámpadas, libros, móbiles, cadeiras, aparellos electrónicos,…entregraranse e recolleranse aquí de modo gratuíto e seguindo un rexistro de quen o entrega e quen o leva”.

Coa liña 3 da subvención para puntos limpos móbiles e cun investimento de 48.400€, o Concello de Chantada adquiriu un vehículo eléctrico para o departamento de medio ambiente. Trátase dun vehículo para o transporte dos puntos limpos que se desprazan polas parroquias cada quincena para recoller enseres. Este novo servizo amplía e mellora a recollida de residuos nas aldeas e nos dous puntos de proximidade da vila.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca