Manuel Lorenzo Varela: “Temos estabilidade presupuestaria total e débeda cero“

O Concello de Chantada aprobou no pleno deste xoves, 5 de febreiro, o orzamento para este ano que ascende a 9.733.660€, incrementándose con respecto ao ano pasado no que foi de 9.400.000€.
O alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, destaca que o proxecto de orzamento non presenta déficit inicial e que son orzamentos realistas, “Tivemos en conta os importes que se prevén liquidar por aplicación das ordenanzas fiscais, pola participación nos tributos do Estado e pola transferencia do fondo de cooperación da Xunta de Galicia, subvencións e transferencias aínda por recibir”.
No estado de ingresos, o capítulo de transferencias correntes ascende a 5.311.157€, polo aumento da participación nos tributos do Estado. As transferencias para dependencia ascenden a 863.000€ e o programa de inclusión a 78.299€. Mantéñense as subvencións que teñen carácter anual como o CIM e traballadoras sociais. Orzaméntase o plan de cooperación da Deputación para o SAF e o reforzo do emprego, o obradoiro dual de emprego Serra do Faro X, o plan integrado de emprego, as subvencións de atención temperá e a de igualdade para os campamentos infantís.
O capítulo de impostos directos ascende a 2.661.071€, aquí inclúese o IBI, o imposto sobre actividades económicas, o de vehículos de tracción mecánica ou o imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana. Os ingresos por estes impostos aumentaron un 2,53%, motivado pola maior recadación no imposto sobre os terreos de urbana. Nos impostos indirectos, os ingresos proveñen do imposto sobre construcións, instalacións e obras, ascendendo a 220.000€. Os ingresos previstos por operacións correntes e taxas, sitúanse en 1.099.787€, aumentando con respecto ao ano anterior pola próxima modificación da ordenanza da taxa de lixo que espera facerse efectiva a comezos de xullo.
No estado de gastos consígnanse créditos para atender os distintos servizos que presta o concello. A maior porcentaxe corresponde a gastos correntes en bens e servizos que se leva 4.471.117€, aumentando un 0,62% pola suba do IPC, seguido dos gastos de persoal que supoñen 3.709.650€. Con respecto ao 2025 os gastos de persoal aumentaron un 9,30%.
Neste apartado contémplase unha subida do 1,5% das retribucións non sector público e dúas dedicacións dos órganos de goberno. Tamén se inclúe o persoal do obradoiro dual de emprego, as técnicas do plan integrado de emprego, o plan de reforzo da Deputación e o persoal de atención temperá.
En transferencias correntes contémplanse 394.000€ para os créditos destinados a subvencións nominativas, axudas á emerxencia, axudas á natalidade e diversas cotas. Os orzamentos sairon adiante cos votos a favor do equipo de goberno, votando en contra a oposición. Manuel Lorenzo Varela felicitou ao equipo de goberno e a todo o equipo económico do concello polo traballo desenvolto para presentar este presuposto, “Temos estabilidade presupostaria total e débeda cero, o Concello de Chantada non debe nada. É unha boa nova para todos os veciños/as”.







