A lectura do manifesto será o 8 de marzo ás 12:45 no palco da Feira do Viño

O Concello de Chantada, a través do Centro de Información á Muller, organiza unha variada e completa programación para celebrar o 8M, Día Internacional da Muller. Nesta xornada lerase o manifesto e farase coincidindo coa Feira do Viño de Chantada. A concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, lerá o manifesto o domingo, 8 de marzo, ás 12:45h no palco central, antes do pregón.
A programación de actividades comezará o venres, 6 de marzo, co contacontos, “Somos iguais na maxia”, que terá lugar na Biblioteca Municipal ás 18:15h. Trátase dun espectáculo divertido, dinámico e participativo, onde a maxia, o humor e a interacción co público son os grandes protagonistas. A función achégase á loita pola igualdade e á prevención da violencia de xénero, empregando a maxia como ferramenta de coeducación. Abordaranse temas como a fenda salarial, os estereotipos ou o papel das mulleres na historia e no mundo laboral.
Despois da lectura do manifesto o propio día 8, a seguinte cita será o venres, 13 de marzo ás 19:00h na Casa da Cultura coa presentación do IV Plan de Igualdade. O Plan de igualdade e contra a violencia de xénero 2026-2030 do Concello de Chantada é unha ferramenta de planificación e coordinación transversal, concibida para orientar as políticas públicas municipais cara a un modelo de convivencia baseado no respecto, na corresponsabilidade e na equidade.
O sábado, 28 de marzo, ás 19:00h no Auditorio Municipal, proxectarase a película, “La mitad de Ana” que trata a identidade de xénero. A maiores no mes de marzo celebraranse obradoiros de educación afectivo sexual nos centros de educación secundaria da vila. “Outro ano máis centrámonos no ámbito educativo dedicando o contacontos de principios de mes, neste caso á igualdade e seguimos facendo actividades nos colexios e institutos. Os obradoiros nos centros de ensino poderían ampliarse tamén ao mes de abril porque están mostrando moito interese neste tipo de actividades para concienciar ao alumnado na igualdade e contra a violencia de xénero”, sinala a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández.
A programación do 8M no Concello de Chantada completarase co obradoiro “Sementando autocoidado” que se desenvolverá durante o mes de abril. Trátase dun obradoiro de autoestima e benestar emocional para mulleres co obxectivo de fomentar que as mulleres recoñezan os seus recursos persoais, facilitando a expresión emocional e a construción de relacións máis saudables consigo mesmas e cos demais. O taller destínase a mulleres da contorna rural de Chantada con especial atención ás mulleres con sobrecarga familiar, mulleres coidadoras ou en situación de illamento social.








