Actual, Concello, Novas|

Esta edición foi unha lembranza especial ao vello profesor, José María Gómez de Tojeiro, Chemari

Este domingo a Feira do Viño de Chantada, cita que abre o calendario das Feiras do Viño na D.O. Ribeira Sacra, celebrou o seu día grande, nunha xornada na que a climatoloxía acompañou e milleiros de persoas se achegaron a gozar dunha xornada de lecer.

Despois da actuación da Banda de Gaitas do Concello de Chantada a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, lería o Manifesto do 8M, que estaría seguido do pregón desta 43 Feira do Viño de Chantada e da entrega de premios aos mellores viños desta edición. O humorista, actor e presentador da TVG, Roberto Vilar foi o encargado do pregón deste ano.

Completaban o palco de autoridades, a Conselleira de Medio Rural, María José Gómez; a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López; senadores e deputados; o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, e concelleiros do equipo de goberno e da corporación do Concello de Chantada, así como alcaldes doutros concellos e representantes doutras institucións.

O pregoeiro, polo que agardaban numerosos seguidores, deu un pregón cheo de humor e tamén emotivo por ser o primeiro acto que facía desde a morte de seu pai, levando aos presentes por unha viaxe pola terra e o valor das persoas maiores. Como natural da Mariña, do concello de Xove, Roberto Vilar falou da súa vinculación coa provincia e coa Ribeira Sacra para referirse á importancia da terra relacionada co viño nun mundo tan dixital e tan etéreo, “Estamos enterrando a unha xeración que educou aos fillos sen ter estudos, que sen luxos fixo que nunca faltara de nada, viviron sen medo, meu pai non falou nunca mal de ninguén. Esa xente apegada á Terra, coma aquí en Chantada”.

Durante o pregón da Feira do Viño no Día Internacional da Muller, Vilar lembrouse da súa nai, “Comía o pescozo do polo e eu pensaba que era porque lle gustaba, cando era para deixarnos os zancos para os demais e meu pai afirmaba, se non como eu que vai ser de vós?”.

Roberto Vilar enxalzou a Ribeira Sacra e o viño de Chantada, “Tedes a fortuna de vivir nun sitio incrible, din a volta ao mundo e non vin un lugar tan extraordinario, cuns viños dun talento espectacular. Tedes sorte de vivir aquí, noraboa!”. Para rematar asegurou que xa tiña avisado á súa filla de que o ía gastar todo e non lle ía deixar nada, “si unha casiña pequena á beira do Miño para gozar desta paisaxe, se alguén ma vende, estouna buscando. Quérovos moito!”.

Na súa intervención o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, agradecería a presenza das autoridades, do público e das adegas. Ao pregoeiro deulle a noraboa polo pregón, “Noraboa por emocionarnos… Vas ter unha adega pequeniña á beira do Miño, pero desde que falaches subiron os prezos”.

O rexedor local aseguraba que o viño deste ano estaba de marabilla e agradeceu a boa climatoloxía. Na súa intervención lembrouse de José María Gómez de Tojeiro, “Esta Feira é unha lembranza especial ao vello profesor, José María Gómez de Tojeiro, Chemari. Se hoxe celebramos esta Feira e outras, e a mellora da calidade dos viños, debémosllo a el e a outros poucos”. Lorenzo Varela aproveitou a celebración para insistir en que no Concello de Chantada se celebraba o Día Internacional da Muller os 365 días do ano. “Témonos que mirar ao 100%, cos mesmos dereitos e deberes”.

O alcalde fíxolle entrega ao pregoeiro dunha peza de Juan José Lomarti, autor do cartel da Feira do Viño, que tamén recibiu un recoñecemento ao igual que todas as adegas participantes nesta edición: Adega Lareu Sabatelivs, Adegas y Viñedos Vía Romana, Adega Amedo, Adega Condado de Sequeiras, Adega Albarduxe, Adega Cabo do Mundo, Adega Pilares de Belesar, Adega Instinto Romano, Adega Castrofiz, Adega Os Cipreses, Adega Enonatur, Adega Calexotes y Adega Teijeiro Lemos.

Chegaba o momento da entrega de premios. Na cata popular, na que puntuaron os viños 108 persoas, os viños máis destacados foron:

  • Sabatelius, Mencía 2025 de Adega e Viñedos Lareu S.L.
  • Instinto Romano 2025 de Adega Instinto Romano / Miguel Pavón Reinoso
  • Vía Romana, Mencía 2024 de Adegas e Viñedos Vía Romana S.L.

Pola súa banda na cata oficial premiáronse 11 viños como os mellor valorados polo panel de cata que integraban: Lucía Carballeira Lois, AGE; Andrea Obenza Fervenza, enóloga; Juan Manuel Posada-Curros Buendía, AGE; Loreto Blanco Núñez, docente sumillería en servizos restauración; Jorge Vila, Diplomado en WSET, director da Galicia Wine Academy; Fani Rodríguez Álves, AGASU; Pedro Villamarín González, AGASU; Gelín Fernández, comité de cata CRDORS.

VIDE GRAN OURO

  • Urbanita, Vago y Cortés, branco 2024 de Adega Enonatur / Roberto Regal López
  • 500 Cepas 2024, de Adega Enonatur / Roberto Regal López

VIDE DE OURO

  • Calexotes, Godello 2025 de Adega Calexotes / Edelmiro Domínguez González
  • As Glorias de Amedo 2025 de Adegas Amedo S.L.
  • Albarduxe 2025 de Adega Albarduxe S.C.
  • Condado de Sequeiras, Mencía 2024 de Adega Condado de Sequeiras / Grupo Peago S.L.

VIDE DE PRATA

  • Condado de Sequeiras, Godello 2025 de Adega Condado de Sequeiras / Grupo Peago S.L.
  • Sueños de Martina, rosado 2024 de Adega Condado de Sequeiras / Grupo Peago S.L.
  • Cabo do Mundo ´Outro Lado´ 2025 de Adega Cabo do Mundo S.L.
  • Vía Romana, Mencía 2024 de Adegas e Viñedos Vía Romana S.L.
  • Vía Romana do Camiño, Garda 2022 de Adegas e Viñedos Vía Romana S.L.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca