Actual, Concello, Novas|

Marisol Carrera Míguez é afeccionada á fotografía

A Casa da Cultura de Chantada acolle durante o mes de abril unha exposición fotográfica de Marisol Carrera Míguez, afeccionada á fotografía que ten protagonizado diferentes exposicións de carácter local pola xeografía galega.

A autora de Ourense trae a Chantada, “Esvaecer”, unha mirada onde o tempo se dilúe, a figura humana vólvese pequena para converterse nunha áncora emocional, non estática. A cámara escoita o ritmo do paso o latexar de ir e vir para recoller o rastro dun instante.

“Nesta mostra de fotografías tratei de explorar o movemento como un proceso de transformación, no que a forma perde os seus límites e a imaxe transfórmase nun rastro. Presento unha serie de fotos onde se pode ver a vida da xente en diferentes contornas, aparecen sen un rostro definido e ademais ese instante está destinado a desaparecer, só quedará a testemuña da cámara”, explica Carrera.

As paisaxes de Marisol Carrera deixan de ser estáticas para ter unha presenza de tránsito, “As liñas naturais, horizontes, arbóres, montañas, pontes,… desfanse suavemente para entrar no terreo da evocación”. O mesmo trato recibe a arquitectura onde as estructuras perden a súa aparente solidez, “As liñas xeométricas fanse trazos, o construído deixa de ser permanente para mostrase vulnerable ao paso do tempo”.

Para coñecer a proposta de narrativa visual da autora, a mostra pode visitarse durante a Semana Santa en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h de luns a mércores e de 10:00h a 14:00h, sábados, domingos e festivos. Despois de Semana Santa pode visitarse en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:00 a 20:00 de luns a venres e os sábados de 10:00h a 14:00h.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca