Actual, Concello, Novas|

Nos próximos días a CHMS comezará a recuperación do paseo fluvial

O concello de Chantada anuncia o comezo de dúas importantes obras que darán solución aos danos provocados polo temporal de finais de xaneiro deste ano. Por unha banda a Confederación Hidrográfica Miño Sil actuará no paseo fluvial do río Asma onde se produciu o derrubamento do terreo, e na contorna da Piscina Climatizada.

“Estamos moi satisfeitos coa CHMS porque atendeu as nosas demandas e vai facer estas obras para solucionar os danos do temporal. Será un investimento importante para recuperar todo o paseo fluvial, as obras comezarán nos próximos días e remataranse no prazo de 3 meses”, asegura o alcalde do concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

O temporal de finais de xaneiro tamén provocou afundimentos na rúa Xoán XXIII. Neste caso será o concello de Chatada o que execute as obras que comezarán nesta semana. Antes de preparar a rúa de novo botándolle formigón substituiranse as tubaxes que dan saída ao río de parte do caudal que vén por esta rúa.

Ademais destas actuacións no centro da vila, o Concello de Chantada avanza na mellora de diferentes camiños rurais. Están xa executadas as melloras da estrada Regoufe-O Vilar e A Lagoa-Oulleiro e están adxudicadas as obras Centulle-O Seixo, Lamela-Andemil, Garabelos-Sampaio, acceso a Araulfe e outro vial no barrio de Marín. Tamén se mellorarán camiños en Carballizos, Riazón, Lucenza e Vilanova. Nestas pistas faise a limpeza de cunetas e posteriormente botaráselles aglomerado en quente, actuando nun total de 13 quilómetros. As actuacións contan cun orzamento de 840.000€ co que colaboran outras administracións.

“Facemos aglomerados en quente todos os anos e o que queremos é facer investimentos naquelas zonas onde as pistas están máis danadas. Por exemplo, en Garabelos, Paderne e Muradelle hai tráfico de maquinaria pesada polas explotacións gandeiras e queremos que quede perfecta toda esa zona, e así imos seguir ao longo do ano mellorando as nosas vías de comunicación”, destaca o alcalde.

 

 

 

 

 

 

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca