14 carros desfilaron nesta edición

O Concello de Chantada celebra ata o martes, 26 de agosto (festivo local), as súas Festas Patronais na honra á Virxe do Carme. Este sábado acollían un dos seus actos centrais, o Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego e Ben de Interese Cultural (BIC).
O desfile do Folión de Carros comezaría ás 23:00h., pero xa pola tarde se pudieron coñecer os carros que estiveron a exposición na Avenida de Ourense desde onde partiu o desfile e a onde chegaron desde o Mercado Gandeiro. Tamén durante a tarde celebraríase a IX Foliada Carroceira do Folión de Carros coa participación da Agrupación tradicional da Casa da Música de Chantada, a Banda de Gaitas de Chantada, Os Barrios, Searas, Asociación Sociocultural Falcatrueiros, O Trespés, Os Xílgaros de Lugo e Dakidoasma.
Os 14 carros participantes nesta edición desfilarían tamén pola rúa Mariano Cedrón e a Avda. de Monforte, ante a curiosa mirada das persoas que ateigaban as rúas do desfile que remataría na Praza de Galicia, onde se desenvolvería o pregón das Festas Patronais de Chantada.
Roberto Fernández Álvarez, Doutor en Medicina pola USC e fillo de Don Xilberto de San Pedro, persoa moi vinculada á tradición do Folión de Carros; ofreceu un emotivo pregón no que viaxou a través dos soños. Lembrouse do pesadelo que nos levou ao inferno coa vaga de incendios deste agosto e ofreceulle ao público asistente un fermoso soño de viaxe á infancia a través dos carros e da man de seu pai, comezando así: “Acabamos de asistir a unha sucesión de soños que pasaron encadeados por diante de nós levando dentro a representación simbólica da historia dun pobo. O soño da vendima de Belesar inzada de aturuxos. O soño dos carpinteiros, como o de Muradelle coas trenchas cegas. O soño dos pedreiros e dos canteiros. O dos cachóns do Asma, onde a auga fai música…”
O pregoeiro poríalle nome e apelidos á súa infancia en Chantada e lembraría noutro pesadelo a un profesor que lle anunciaba que faría un mal pregón e non era quen. Pero entre soños e pesadelos, seu pai, o Xilberto de San Pedro, entregaríalle o pregón co que pechou a intervención, un poema ao Carro feito polo seu antepasado en 1967. (Incorpórase ao final da nota).
Antes de coñecer os premios do Folión, o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, entregaría un agasallo ao pregoeiro.
Premios do Folión de Carros 2025
Os 14 carros participantes representarían diversos motivos tradicionais e todos debían de estar tirados por unha xugada de vacas ou de bois. O desfile comezou á súa hora, acompañou a climatoloxía e desenvolveuse de modo fluído e sen incidencias.
O xurado, integrado por unha vintena de persoas divídese no xurado do Folión, xurado de vacas e xurado de textos (que relatan os diferentes motivos dos carros), estableceu a seguinte clasificación xeral do Folión de Carros 2025:
1: Herboristería Milenrama (Carro nº 1)
2: Cine Yeca (Carro nº 3)
3: Os cachóns do Asma (Carro nº 8 )
4: Se as pedras falasen… (Carro nº 5)
5: Rúa do Comercio (Carro nº 12)
6: O ferreiro de Argozón (Carro nº 1)
7: A feira das cabras de Merlán (Carro nº 11)
8: Chegou o carpinteiro á casa da Cruz (Carro nº 2)
9: Non hai tella que non teña o seu burato (Carro nº 13)
10: A casa dos Ferraias na estrea da Muiñeira (Carro nº 9)
11: Control de San Fiz (Carro nº 6)
12: Pista de baile “A Penela” (Carro nº 14)
13: Vendima na ribeira de Belesar (Carro nº 7)
14: San Xoán, lume e maxia (Carro nº 4)
Nesta clasificación avalíanse os tamén os carros tradicionais:
1º Premio Carro Tradicional: Non hai tella que non teña o seu burato (Carro nº 13)
2º Premio Carro Tradicional: Pista de baile “A Penela” (Carro nº 14)
Asemade houbo recoñecementos para os seguintes carros:
- Mellor memoria explicativa: Cine Yeca (Carro nº 3)
- Mellor xugada (elegancia, vestimenta ou adornos): Rúa do Comercio (Carro nº 12)
- Mellor trato animal: Vendima na ribeira de Belesar (Carro nº 7)
- Mellor vaca/boi individual: Control de San Fiz (Carro nº 6)
- Mellor manexador/a: Os cachóns do Asma (Carro nº 8 )
- Mellor xugada 2025: Control de San Fiz (Carro nº 6)
Pouco antes das 2 da madrugada dábase por rematada esta edición do Folión de Carros á que seguiría a actuación da orquestra Tango. No palco do xurado e de autoridades contábase coa presenza de representantes da asociación organizadora, a Asociación Amigos do Folión; do alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela e doutros membros do equipo de goberno e da corporación municipal, representantes da Xunta de Galicia como o director xeral de Turismo, Xosé Merelles, entre outros, e representantes de diferentes asociacións de Chantada e da comarca.
Todas as imaxes do Folión de Carros 2025 no Facebook do Concello de Chantada
O CARRO (poema de Xilberto de San Pedro. 1967)
Non sei se canta ou se chora,
soio sei que di que leva
na melancunía doce
do chilro do eixo a verba
dunha lembranza, saudades
dunha Galicia galega,
sober da que il somentou,
e fixo medrar ca rega
do seu sudor, o xermolo
dunha Galicia moderna,
desvencellada de xugos,
de escolas estataís cheia.
Sonoento, vello, encrenque,
pexado do asma e do reuma,
todo ainegazón e xenio,
todo vontade e pacencia,
no derradeiro viaxe
reventando vai, que leva,
co fuso do fiadeiro,
ca rebuldicia da sega,
co folgo do aturuxo,
a pelica da pandeira,
o grigrileio da gaita
i-o aire da muiñeira.
I-aló, no carozo mesmo
da sua coita segreda,
gardado pra íl, pra tomba,
xunto on cruceiro de pedra,
leva o eco do alalá