Actual, Concello, Novas|

O alcalde pide desculpas polas molestias que a medida puidera provocar

O Concello de Chantada celebra desde o pasado 21 e ata mañá, 26 de agosto, festivo local en Chantada, as Festas Patronais na honra á Virxe do Carme.

Para este luns, 25 de agosto, tíñase programada a tradicional sesión de Fogos Artificiais na Praza do Pavillón Municipal, pero despois dos incendios que vén padecendo Galicia, o equipo de goberno toma a decisión de suspender este espectáculo e toda a pirotecnia das Patronais. “Cando se tiran os fogos do Pavillón dispoñemos da nosa carroceta e do dispositivo que aporta o Parque do Consorcio Provincial de Bombeiros; que controlan a contorna por se prende lume. Aínda que non hai impedimento legal para celebrar os fogos, con estas condicións meteorolóxicas e ante a posibilidade de que se inicie algún foco por outras causas no municipio ou en municipios limítrofes, consideramos que é importante ter os nosos operativos de loita contraincendios dipoñibles”, explica o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez Carballo.

Esta cancelación, medida que se toma por primeira vez, faise tamén por repecto e solidariedade cos municipios que aínda son vítimas do lume, “Para un concello sempre é difícil cancelar unha actividade, pero como concellos temos reponsabilidades co noso territorio e cos nosos veciños ante situacións críticas, como é o caso”, afirma o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, que aproveita para desculparse polas molestias que esta situación puidera provocar.

 

 

 

 

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca