O Festival celebrarase o 31 de outubro e o 1 de novembro

A Casa da Cultura de Chantada acolle neste mes de outubro a exposición XX edicións de Castañazo 1993-1996/2007-2019/2023-2025.
A mostra repasa a historia do festival que un grupo de amigos decidiron poñer en marcha no 1993, nacía Castañazo Rock. Camisetas e carteis das distintas edicións, ademais de fotos inéditas lévannos de viaxe pola historia deste festival que comezou nun momento no que Chantada contaba cunha grande afección polo rock e na zona non había aínda tradición de festivais, “Faríamos o noso propio festival traendo os mellores grupos á vila”, era a motivación da iniciativa.
Un ano despois na cantina de Viana xurdiría o termo Bravú que uniría a moitas bandas de rock que usaban o galego e reflexaban a idiosincrasia dun país. Naquela edición contouse cos Diplomáticos de Montealto, os Bochechiñas, os Impresentables, o Pinto de Herbón, os Heredeiros da Crus, Os papaqueixos, Skornabois, e como anfitrións Tabernícolas e Rastreros.
No 95 presentouse o disco Unión Bravú para dar a coñecer esta nova música galega. Nese ano o festival levouse ao mercado gandeiro e contouse con Caimán do Río Tea, Os Impresentables, Os Papaqueixos, Os Diplomáticos, Kaos, Skornabois e Os Túzaros.
Despois de 10 anos, no 2007, créase a Asociación Cultural O Castañazo e recupérase o festival. Nese ano celébrase a I Feira do Disco Galego. En seguintes edicións incorporaríanse os xogos bravús, castañazo infantil, cantos de taberna, magosto, aberto de billarda, concurso de bandas…
Na XV edición de 2017 apóstase polo formato de dous días para o festival e despois do parón da pandemia, no 2023 regresa unha nova edición de Castañazo con este nome, que volvía ás axendas incorporando un ano despois na programación, a Feira de Artesanía.
O Concello de Chantada colabora con esta exposición que pode visitarse ata o 31 de outubro, de luns a venres de 10:00h a 14:00h e de 16:00h a 20:00h, sábados de 10:00h a 14:00h.
XX Castañazo
A XX edición do Castañazo celebrarase os días 31 de outubro e 1 de novembro. Na primeira xornada actuarán The Rapants, Catuxa Salom, Mondra, Liviao de Marrao e Terrae. O 1 de novembro a música correrá por conta de Baiuca, De Ninghures, Rastreros, A Banda da Loba, e Orquestra Bravú Xangai.
Non faltarán nas propostas do festival, co que colabora o Concello de Chantada, as actividades características da programación do Castañazo, como magosto, cantos de taberna, xogos bravús, feira de artesanía…