Actual, Concello, Novas|

O fallo coñecerase o 14 de novembro en Carballo

Este venres, 17 de outubro, o Xurado do certame Vilas en Flor visitou Chantada para coñecer de primeira man as zonas verdes e espazos axardinados da vila e valorar a xestión medio ambiental que se fai desde o Concello de Chantada. Na visita estiveron acompañados polo alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, o concelleiro de Parques e Xardíns, Diego Otero, e parte do seu equipo, que explicaron todos os traballos de conservación e mellora que se fixeron ao longo do ano nas zonas verdes de Chantada.

O 14 de novembro celébrase en Carballo a entrega destes recoñecementos e o Concello de Chantada espera revalidar as 4 Flores de Honra, o máximo galardón que leva 7 anos recollendo, “Estamos moi satisfeitos coa participación neste certame que sempre recoñeceu o labor que se fai desde a área de Parques e Xardíns, polo que confiamos en manter a distinción das 4 Flores. O Xurado coñeceu sobre o terreo o traballo desenvolto e ademais entregamos vídeos e material documental sobre os diferentes espazos verdes e os proxectos para seguir mellorándoos”, explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.

A memoria explicativa que se lle entregou este venres ao xurado recolle as diferentes zonas verdes e os parques infantís, as labores en xardineiras e mobiliario, os tipos de árbores que se plantan ou as diferentes plantas de tempada que se utilizan, “Levamos moitos anos traballando para conseguir máis e mellores zonas verdes.  Superamos as 35 hectáreas de zonas municipais públicas. Contamos con 5 parques infantís que ocupan 13.000m2, O Sangoñedo, Eloísa Rivadulla, Piscinas, Alameda e Os Pilos. Dispoñemos de dúas zonas habilitadas con aparatos de ximnasia adaptada, que comprenden uns 2.500 metros cadrados ou o espazo verde máis importante que temos, o paseo fluvial do Asma con 5 quilómentros por ambas marxes do río”.

No paseo fluvial actuábase este ano co obradoiro de emprego para mellorar os miradoiros e na actualidade desenvólvense desbroces para a ampliación do paseo cunha inversión cofinanciada pola CHMS de preto dun millón de euros, que permitirá ampliar o paseo en 2,5 km.

Outras actuacións que hoxe se expuxeron ao xurado foron o acondicionamento da gran área verde do barrio de Marín, a mellora do Parque Eloísa Rivadulla, a decoración da ponte peonil da Alameda, ou a aposta por decorar os balcóns dos edificios municipais e celebrar o concurso de decoración de balcóns e fachadas para incentivar á veciñanza.

Desde o Concello xa anuncian que seguirán traballando na mellora e ampliación dos espazos verdes, “Neste vindeiro ano teremos unha partida importante para o mantemento do paseo fluvial. Estamos incorporando vehículos eléctricos no servizo e seguimos facendo unha xestión íntegramente municipal coa brigada de parques e xardíns e coa axuda dos obradoiros de emprego e aprol rural. Os resultados están para aí para ver”.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca