Con todas as parcelas vendidas, o Concello ultima a ampliación do Polígono

O Concello de Chantada vén de executar a apertura dunha nova vía no Polígono dos Acivros que dá conexión ás fases 1 e 2 do polígono. Cunha subvención da Xunta para mellora de infraestruturas nos parques empresariais, o concello propuxo transformar o camiño de terra que había, nunha vía con todos os servizos de saneamento á que se dotou dunha capa de aglomerado en quente, delimitando a calzada co borde das parcelas, de modo que queda preparada para a posterior construción de beirarrúas. As actuacións contaron un orzamento de 150.000€.
A nova vía conecta as dúas fases do Polígono dos Acivros mellorando a circulación e aumentando o espazo para aparcamentos. Ademais con esta nova vía dáselle acceso a tres parcelas que quedaban da fase 1. As parcelas xa están vendidas e pronto se comezará coa instalación dos distintos negocios.
Nos últimos catro anos o Concello de Chantada vén solicitando estas axudas nas que a Xunta aporta o 80% e con elas reasfaltáronse pistas no interior e nos accesos ao Polígono, mellorouse a EDAR e déuselle máis potencia eléctrica ás empresas. Coa próxima liña de subvencións o Concello seguirá mellorando esta infraestructura empresarial con repintado, beirarrúas, mellora da iluminación e seguridade.
Ademais o Concello segue traballando na ampliación do Polígono, que na actualidade ten todas as parcelas vendidas, “Temos xa presentada unha modificación puntual do PXOM para poder acometer a ampliación do Polígono, estamos pendentes dos informes sectoriais das diferentes administracións e queremos darlle luz verde a isto para poder poñer solo industrial a disposición dos cidadáns e das empresas de Chantada e das de fóra que queiran asentarse aquí. Co Polígono tratamos de ofrecer os medios de crear riqueza e postos de traballo na vila”, asegura o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.







