Actual, Concello, Novas|

Amplíase a oferta con Bordado e Encaixe de bolillos

O Concello de Chantada organiza un ano máis actividades gratuítas para maiores de 65 anos e xubiladas. Os cursos desenvólvense nunha aula de Servizos Sociais do Edificio Multiusos.

Seguen os cursos de pintura ao óleo e en tea, que gozan todos os anos de moita aceptación entre a veciñanza cunha trintena de inscritos en cada actividade. As clases de pintura ó óleo teñen lugar os mércores, e os venres celébranse as de pintura en tea, en horario de 16:30h a 19:30h.

En setembro do 2025 incorporábanse dous novos cursos polos que a xente viña manifestando moito interese. O de bordado no que hai 29 persoas inscritas e que comezaba o pasado 19 de xaneiro e o de encaixe de bolillos que comezaba este 27 de xaneiro e para o que se pechou a inscrición en 25 persoas polos requerimentos da propia actividade.

Desde o Concello de Chantada destácase o elevado número de persoas inscritas nas distintas actividades e a boa acollida que están tendo as novas propostas. Para máis información sobre estes cursos poden poñerse en contacto cos Servizos Sociais do Concello de Chantada (982 462 299 ) en horario de 9:00 a 14:00 h.

Desde a área de Servizos Sociais trabállase tamén na programación de actividades similares no medio rural para poder levar este tipo de formación ás diferentes parroquias. No próximo mes sacarase o listado dos cursos que se ofertan para que poidan inscribirse as parroquias interesadas. Este tipo de propostas engadiríanse ás actividades físicas e deportivas do programa Actívate no Rural.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca