Actual, Concello, Novas|

As primeiras pavimentacións fanse nas rúas Otero Pedrayo, Luis García Arias, Castelao e Poeta Añón

O Concello de Chantada dispón dun plan de asfaltado para rexeneración de vías nas parroquias e na vila. Esta semana comeza a execución deste plan actuando en varias rúas da vila do Asma.

Este mércores e o xoves procédese á rexeneración da capa asfáltica con aglomerado en quente da rúa Otero Pedrayo, a rúa Luis García Arias (na parte baixa), rúa Castelao e rúa Poeta Añón. Durante as obras non se pode estacionar nestas rúas, pero está permitido o acceso dos autobuses e outros vehículos aos centros de ensino, nos horarios de entrada e saída das clases. Unha vez renovado o pavimento destas rúas pintarase toda a sinalización de pasos de peóns e estacionamentos.

Posteriormente actuarase na rúa da Ponte e na rúa Fray Alonso Varela, onde se fará tamén rexeneración da capa asfáltica e pintado da sinalización. Nesta primeira fase contémplase ademais, a mellora da prolongación da rúa Concepción Arenal e da rúa Ribeira Sacra que inclúen construción de beirarrúas e pavimentados.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, asegura que estas obras mellorarán o tráfico en zonas de moito tránsito, “as rúas nas que estamos traballando eran das máis deterioradas, con estas obras damos maior accesibilidade á contorna dos centros de ensino e abrimos dous tapóns urbanísticos en Concepción Arenal e na rúa Ribeira Sacra”.

Estas obras adxudicáronse por 192.390€, que corresponden a fondos propios con cargo ao préstamo para mellora de viais.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca
↑