Na Oficina Municipal de Turismo rexistráronse novas procedencias internacionais

A Oficina Municipal de Turismo do Concello de Chantada fai balance da tempada de verán, entre xuño e setembro, na que destacou o desenvolvemento do programa de actividades para promocionar o municipio baixo o selo Starlight. Nestes meses levouse a cabo unha interesante axenda de propostas de divulgación e observación astronómica.
Os excelentes resultados e enquisas de valoración entre os participantes, reforzan a aposta polo turismo científico e de natureza. Chantada posiciónase así como un referente, demostrando que a protección das súas paisaxes celestes supón un valioso recurso complementario e diferenciador para o desenvolvemento do territorio.
A última cita co astroturismo en Chantada levouse a cabo neste mes coa actividade inmersiva, Ceo no Camiño. Unha proposta divulgativa que unía os Camiños de Santiago e os ceos Starlight, poñendo en valor estas dúas características do municipio.
Precisamente desde a Oficina Municipal de Turismo destácase o aumento progresivo de peregrinos que selan aquí as credenciais. Durante os meses de xuño a setembro, rexistráronse un total de 643 peregrinos, o que supón un aumento do 33,4% con respecto ao ano 2025. Os meses de maior afluencia foron xuño, xullo e setembro, manténdose unha tendencia moi semellante á do ano anterior.
O 77,66% dos peregrinos que pasaron pola Oficina municipal de Turismo eran de procedencia nacional, chegado principalmente de Madrid, C. Valenciana, País Vasco, Cataluña e Andalucía. Os peregrinos internacionais representaron o 22,4%, tendo como principais puntos de orixe Portugal, EE UU, Canadá, Alemaña e Reino Unido.
O Camiño de Inverno está a abrir o municipio a nacionalidades emerxentes. Así rexistráronse fluxos procedentes de Romanía, Ucraína, China, Australia, Xapón, Hungría, México ou Bulgaria. Esta ruta xacobea estase a consolidar como unha vía eficaz para a internacionalización do destino, introducindo un perfil de peregrino de longa distancia e procedencias ata agora pouco habituais.
“Os bos resultados do Camiño de Inverno e das actividades de astroturismo, queren dicir que estamos no bo camiño na promoción dos nosos recursos e potencialidades turísticas. O ano que vén aproveitaremos a celebración do Xacobeo 2027 para seguir reforzando e impulsado o Camiño ao seu paso por Chantada”, explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.
3.374 visitantes pasaron pola Oficina de Turismo de Chantada este verán. O turismo nacional representou o 89,7% e o internacional o 13,7%, aumentando este último en máis de dous puntos con respecto ao pasado ano. As procedencias internacionais maioritarias foron Portugal, Francia, EE UU, Reino Unido e Alemaña. Continúa o crecemento de visitantes de Polonia, Australia, Canadá e Países Baixos.
Algunhas procedencias internacionais que comezaron a rexistrarse na Oficina Municipal de Turismo son Bulgaria, Hungría, Xapón, China, Nova Zelandia e Romanía, todas elas vinculadas ao Camiño de Inverno.
O fluxo de visitantes distribuíuse de xeito progresivo ao longo do verán, alcanzando o seu pico no mes de agosto con 1.128 visitantes. Desde Galicia chegaron o 13,7% dos visitantes, e dentro de España foron tamén procedencias maioritarias, Madrid, Cataluña, Andalucía, Comunidade Valenciana e Castela e León.








