Renovouse tamén toda a pintura interior

O Concello de Chantada segue levando a cabo melloras e actualizacións nas instalacións deportivas municipais. De cara a esta nova tempada de inverno as últimas actuacións desenvolvéronse na Piscina Municipal Climatizada.
Despois de renovar antes do verán o sistema de ventilación das salas de ximnasia, nesta ocasión desde a concellaría de Deportes levouse a cabo o pintado do interior e instalouse unha silla mecanizada para facilitar o acceso ao vaso da piscina por parte das persoas con problemas de mobilidade.
Para darlle este lavado de cara ao interior das instacións foi preciso limpar toda a pintura vella e posteriormente aplicouse a nova pintura específica para este tipo de interiores no teito, nos paneis de madeira, nas paredes e nos propios vasos.
As melloras na Piscina Municipal Climatizada de Chantada complétanse coas obras que se veñen de desenvolver na rúa Serra do Faro, despois dos danos provocados polo temporal do pasado inverno. A nova rúa conta cunha senda peonil para garantir a seguridade no tránsito e reestruturáronse os aparcamentos creando ademais 15 novas prazas de estacionamento.
Estas instalacións, que dipoñen de piscina cuberta climatizada cos correspondentes vestiarios, dúas zonas de ximnasio, sauna e servizo de cafetería, teñen horario de 8:00 a 13:00 e 16:30 a 22:30 de luns a venres e durante as fins de semana, de 10:00 a 14:00.







