Actual, Concello, Novas|

A Xunta adxudicará as obras antes de que remate o ano

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela e a Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinaron na mañá deste martes, 17 de novembro, un convenio de colaboración entre as dúas administracións para a urbanización do espazo comprendido entre a rúa Doutor Fleming e a Avenida de Lugo na vila do Asma.

Estas actuacións enmárcanse nos obxectivos que recolle o Plan HURBE de cara a acometer melloras orientadas a frear o despoboamento, potenciando as infraestruturas, servizos e equipamentos e, en definitiva, mellorando o benestar e a calidade de vida dos habitantes destes territorios. “Levamos moito tempo traballando neste proxecto e neste convenio para executar o plan HURBE moi beneficioso para as arcas municipais”, asegura o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

Neste espazo entrelázanse rúas de pendentes lonxitudinais con pendentes transversais abruptas, habilitaranse beirarrúas e unha zona de circulación de plataforma única para mellorar a accesibilidade. A esta complexidade sumábanse dúas parcelas con diversos propietarios que se verían afectadas e dos que se conseguiu unha boa colaboración que axilizou o proceso para dispor dos terreos necesarios para poder desenvolver estas obras.  “Con todo conseguiremos acometer esta urbanización que mellorará a imaxe desta zona e tamén a accesibilidade nunha conexión que está a distintos niveis”, explica o alcalde.

A obra a executar consistirá na demolición e levantado do pavimento de formigón e do muro de peche que invade o novo trazado do vial. Demoleranse os elementos vinculados coa escaleira e que se corresponden ao novo trazado, buscando a nivelación do terreo. Acometerase toda a rede de instalacións e canalizacións de saneamento e electricidade.

Crearanse zonas de tráfico rodado e zonas de itinerario peonil que incluirán varandas nas escaleiras e no desnivel existente entre o novo vial e o tramo inferior das escaleiras de acceso á Avenida de Lugo. Instalaranse xardineiras con céspede e flores de diferentes especies de temporada e dotarase a zona do correspondente mobiliario urbano e iluminación.

Estas obras de humanización contan cun orzamento de 110.000€ dos que a Consellería de Vivenda aporta o 70% e o 30% restante o Concello de Chantada. A Xunta licitará as obras, que teñen un prazo de execución de 4 meses, antes de finais de ano.

Ademais de asinar este convenio de colaboración, a conselleira presentou aos veciños da zona na que se executará esta obra, en que consistirá e os beneficios que presenta o Plan HURBE:

  • Promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sostibilidade económica, medioambiental e social.
  • Mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de proporcionar unha oferta de calidade e axeitada ás necesidades da poboación.
  • Fomentar a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico das vilas
  • Incorporar as tecnoloxías de información tanto nas instalacións como na previsión de usos e actividades dos equipamentos municipais.
  • Prestar especial atención a aquelas accións sensibles á especificidade de xénero.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca
↑