O Concello de Chantada vén de aprobar o orzamento para 2024. O equipo de goberno presentaba ao pleno que se celebrou este venres, 15 de decembro, un orzamento de 8.425.014,05€. A maior porcentaxe de gasto é para persoal e gastos correntes en bens e servizos, con 3.147.753€ e 3.983.267€, respectivamente.
“As partidas máis importantes son bens correntes e servizos para dar todo tipo de servizos á cidadanía, tamén a partida de gastos de persoal. Despois estarían as inversións reais con 849.805€. Se por cada 1.000 habitantes temos un millón de ingresos e de gastos, estamos en condicións de dar os mellores servizos posibles”, destaca o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.
Á hora de falar dos investimentos destaca o alcalde que hai que engadir as subvencións da Xunta de Galicia e dos plans Next Generation. Así no primeiro caso a Xunta inviste o 70% e o resto a administración local; con 48.400€ de fondos propios para o edificio que se destinará ao servizo de atención temperá; ou 186.662 para facer unha biblioteca accesible.
O rexedor local refírese tamén a que nos próximos anos vanse invertir uns 2 millóns de euros da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para o que o Concello terá que aportar á Confederación preto de 350.000€. O primeiro paso destas actuacións farase no 2024, trátase dos estudos para ver como canalizar o río Asma e os regatos que chegan a Chantada en épocas de choivas fortes e que van dar aos sumidoiros. “A depuradora de Chantada funciona ben pero se lle quitamos este tipo de augas para as que tamén se fará un tanque de tormentas que con tormenas fortes baleiraría pouco a pouco o exceso de auga, axudamos a aliviar a depuradora e dámoslle máis tempo de vida, podendo asumir situacións climatolóxicas complicadas ao canalizar directamente ao río as augas de choivas e regatos”, destaca Manuel Lorenzo Varela.
Durante a pandemia o equipo de goberno de Chantada baixaba o IBI do 0,60 ao 0,55 para axudar ás economías da veciñanza e eliminábanse case totalmente as plusvalías. Destaca o alcalde o esforzo que se segue facendo a este nivel desde o concello ao non subir os impostos, “Cando non endebedas á cidadanía, non aumentas impostos, e segues prestando ou incluso aumentando servizos, creo que podemos estar satisfeitos. Ademais comezaremos o ano cos deberes feitos; sabendo co que contamos desde o día 1 de xaneiro, cada partida coa súa contía, sabendo a que temos que aternos. Ter os números ao día e ver como marcha o ano económico no concello é moi importante”.
Con carácter semestral no 2024 comezarase a cobrar polo servizo de recollida de lixo no rural, concepto polo que o Concello de Chantada non recadaba nada, o mesmo que polas terrazas. A este respecto estase traballando nunha ordenanza para regular tamén esta cuestión.
Os orzamentos para o 2024 quedaban así aprobados cos votos a favor do equipo de goberno e votando en contra a oposición, á que o alcalde agradeceu o talante mostrado durante o debate dun tema tan importante para o funcionamento do concello como son os presupostos.