O programa regresará en setembro ás parroquias que o soliciten
O Concello de Chantada a través da concellaría de Servizos Sociais organizou desde o pasado mes de setembro e ata xuño deste ano o programa Actívate no Rural, que leva actividades físicas e deportivas ás parroquias que o soliciten.
Cada ano increméntase o número de parroquias nas que se ofrece este servizo, nesta ocasión foron 13 parroquias as que demandaron a actividade: Nogueira, Sabadelle, Merlán, Requeixo, Argozón, Muradelle, Laxe, Brigos, Veiga, Mariz, Santa Cruz de Viana, San Cristovo e Arcos.
O programa ten como obxectivo non só mellorar a actividade física, se non tamén activar as relacións sociais e favorecer así o apoio emocional, “en definitiva trátase de implementar boas prácticas que axuden a mellorar a calidade de vida e que perdure no tempo”, sinala o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Os cursos desenvolvíanse 2 veces por semana en cada parroquia con 3 monitores das escolas deportivas. O Concello de Chantada aumentaba así, neste período 2023-2024, o número de sesións do programa. Este ano participaron da proposta 200 persoas, “Todos os participantes mostraron a súa satisfacción tanto co programa como cos monitores que o imparten”, explica María Cándida Carnero, concelleira de Servizos Sociais e Benestar
O programa Actívate no Rural, que organiza a concellaría de Servizos Sociais do Concello de Chantada regresará en setembro ás parroquias con novas actividades para tódolos públicos.