Actual, Concello, Novas|

O obxectivo é favorecer a integración

A casa da cultura de Chantada acolleu durante os martes e xoves, desde o pasado 15 de setembro ata mediados deste mes, un curso de introdución á lingua e á cultura galegas. A actividade destinábase a persoas  maiores de 16 anos que desexan adquirir ou mellorar as súas competencias en lingua galega e os seus coñecementos sobre a cultura de acollida.

A formación pensada para 20 persoas cubriu as prazas, se ben remataron o curso 16 dos participantes porque os 4 restantes conseguiron traballo durante a celebración do curso e tiñan incompatibilidade horaria para poder acudir. En todo caso todas as persoas participantes manifestaron que a formación resultara de interese e remataron con ganas de continuar.

Durante as 5 sesións de traballo estudáranse cuestións como:

  • Introdución á lingua: familiarizarse coa fonética, o alfabeto e as regras básicas de pronunciación do galego.
  • Vocabulario esencial: aprender palabras e expresións cotiás (saúdos, presentacións, números, días da semana etc.).
  • Frases básicas: construír frases sinxelas para a comunicación en situacións comúns da vida cotiá.
  • Comprensión oral e escrita: desenvolver a capacidade de entender mensaxes básicas en textos e conversas sinxelas.
  • Interacción oral: practicar diálogos básicos.
  • Conciencia cultural: introducir aspectos culturais e lingüísticos que axuden a contextualizar o idioma.

Estas formacións teñen un dobre obxectivo: fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito, así como aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua. Co remate os participantes recibirán os correspondentes diplomas expedidos pola Consellería de Cultura.

O curso estaba organizado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, neste caso, coa colaboración do Concello de Chantada como membro da Rede de Dinamización Lingüística.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca
↑