Actual, Concello, Novas|

A zona danada polo temporal do pasado inverno foi obxecto de importantes melloras

A rúa Serra do Faro na contorna das Piscinas Municipais de Chantada reábrese ao tráfico despois das obras de mellora desenvoltas tras o temporal do pasado inverno no que as riadas provocaron derrubamentos do terreo no Paseo Fluvial nesta zona e colapsaron as canalizacións que atravesaban a rúa, como a do regato de Zaquín.

O Concello de Chantada puxo inmediatamente en coñecemento desta situación á CHMS, Confederación Hidrográfica Miño Sil, e en abril comezouse co proxecto froito dunha estreita colaboración entre a Confederación e a administración local.

“Descoñecíanse os danos que podía haber por debaixo da rúa e a CHMS tratou a obra como de emerxencia. Desde ese momento comezouse a traballar desde e a concellaría de Infraestruturas cos técnicos da Confederación para ir adecentando a zona segundo o que nos iamos encontrando”, explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, que agradece o apoio e implicación do presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e dos técnicos da Confederación con este proxecto, “A obra foi ampliándose e mellorando para deixar esta zona preparada ante futuras inundacións. Hai moito traballo feito por debaixo da rúa. Desde o Concello agradecemos o compromiso con Chantada e a boa disposición do presidente para atender as nosas peticións”.

Cun investimento de máis de 500.000€ dos que a CHMS aporta 460.000€ e o Concello de Chantada, 50.000€, renováronse todas as canalizacións interiores (pluviais, fecais e regato de Zaquín) e puxéronse as dotacións para que se poidan conectar á rede de saneamento futuras edificacións anexas.

Fixéronse novos muros de contención e renovouse o paseo nesta zona coa colocación dunha nova varanda. O Concello de Chantada puido ampliar a rúa Serra do Faro grazas a que os propietarios das fincas colindantes cederon gratuitamente terreo para esta mellora. A vía complétase cunha nova rotonda na parte final da rúa que axudará a mellorar o tráfico. Para a capa de rodadura utilizouse aglomerado en quente, habilitáronse beirarrúas e reorganizáronse as zonas de aparcamento, creando ademais 15 novas prazas de estacionamento en batería.

Instaláronse farolas dando continuidade á iluminación e completáronse todas as sinalizacións, ademais de pintar unha senda pegada ao muro que conecta o Paseo Fluvial coa entrada das Piscinas Municipais, para facilitar o tránsito de peóns.

 

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca
↑