20 persoas formáronse en albanalaría, xardinaría e atención sociosanitaria

Este venres, 12 de setembro, clausurouse en Chantada o obradoiro dual de emprego Serra do Faro IX, que promove o concello de Chantada en colaboración cos concellos de Carballedo e Taboada.
No Obradoiro formáronse unha vintena de persoas nos módulos de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
No Concello de Chantada rehabilitáronse os miradoiros do paseo fluvial facéndoos máis accesibles e co módulo de acabados ríxidos e urbanización tamén se creou unha plataforma para eliminar as barreiras arquitectónicas do parque Eloísa Rivadulla.
Coa formación de xardíns traballouse na conservación das zonas axardinadas do paseo fluvial e creouse unha nova área verde no barrio de Marín. O alumnado de Atención Sociosanitaria, tamén recibiu clases teóricas e prácticas que se desenvolveron na residencia de Carballedo, centrando a formación na atención ás persoas dependentes.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, asegura que “os obradoiros seguen pendentesdesenvolvendo importantes actuacións no municipio para mellorar as infraestruturas e nosos espazos verdes. Ao tempo o alumnado fórmase durante 9 meses e consigue certificados de profesionalidade en especialidades cada vez máis demandadas.”
Do acto de entrega de diplomas para clausurar esta IX edición do Serra do Faro participaron, entre outros, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o alcalde de Carballedo, Julio Yebra, o alcalde de Taboada, Roi Rigueira, o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, acompañado do concelleiro de obradoiros, Diego Otero.
