Actual, Concello, Novas|

As obras teñen un orzamento de 75.000€ e un prazo de execución de 2 meses

Co mes de setembro deron comezo as anunciadas obras de mellora da Praza Luis García Arias, localizada na parte alta da vila, preto de centros de ensino, de instalacións deportivas e servizos de hostalaría, o que fai desta praza un lugar moi transitado.

As actuacións, que teñen por obxecto humanizar e facer máis accesible este espazo, contan cun orzamento de 75.000€ e fináncianse con cargo a unha subvención da Xunta de Galicia para mellora de infraestruturas locais. De modo que a administración autonómica aporta 40.000€ e 35.000€ corresponden a fondos municipais.

A Praza Luis García Arias salva a pendente do terreo con catro plataformas que co novo proxecto minimizarán a presenza dos muros de formigón, como explica o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, “Os traballos previos van a bo ritmo, estanse recortando os muros para rebaixar o seu nivel e que o impacto visual do formigón sexa moito menor. Nas próximas semanas farase o encofrado dos novos muretes que serán os que teñan conta da terra nas zonas verdes e na plataforma inferior colocarase un parque infantil”.

Coas obras que se realizan na actualidade retiráronse tamén os adoquíns e a soleira para poder hablitar as zonas verdes. A praza seguirá tendo distintas alturas, de modo que na primeira plataforma quedará o parque infantil adaptado e nas outras tres crearanse zonas verdes con céspede, árbores e bancos para o descanso. Elimínase a parte de escaleiras para facer a infraestrutura máis accesible.

“Unha das nosas prioridades é crear espazos máis agradables para veciños e veciñas. Con esta obra estamos moi contentos coa acollida porque moita xente da contorna da praza nos di que está ansiosa por ver como queda a nova praza”, asegura o alcalde.

O prazo de execución da obra é de dous meses, polo que desde o concello agardan que as obras estean rematadas a finais de outubro para que en novembro poidan ser utilizadas pola veciñanza.

 

 

 

 

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca