A clausura será o 29 de setembro ás 10:30h no Auditorio Municipal de Chantada

O luns, 29 de setembro, ás 10:30h. no Auditorio Municipal de Chantada, clausúrase unha nova edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada do que forman parte, ademais deste concello, os concellos de Carballedo, Taboada, Sober, O Saviñao, Pantón, Bóveda, Paradela, Coles, San Cristovo de Cea, Vilamarín, Amoeiro e A Peroxa.
O obxectivo deste tipo de programas é mellorar a ocupabilidade e inserción laboral de 100 persoas en situación de desemprego; proporcionando información, orientación, asesoramento ou cursos de formación. Nesta tempada 24/25 impartíronse 14 cursos desde outubro do pasado ano. As formacións adecúanse ás demandas do sector empresarial e ao perfil e o obxectivo profesional das persoas participantes. Deste modo realízase un emparellamento de ofertas de traballo entre as empresas e as persoas demandantes de emprego para cubrir as necesidades específicas do mercado laboral.
Nesta semana remata o Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada e faino con máis de 70 persoas que iniciaron a actividade laboral desde o comezo da formación. A previsión é que esta cifra siga aumentando nos próximos meses froito das accións levadas a cabo no transcurso do programa.
O Concello de Chantada ten solicitado un novo Programa Integrado de Emprego 25/26 e espérase que a Xunta teña a resolución en outubro. A partir dese momento poderase informar do comezo do novo programa. O requisito indispensable para participar del é estar en situación de desemporego e inscrita/o no servizo público de emprego como demandante.
