EDM Chantada e CVO ás 17:00 e ás 19:00

O voleibol galego, principalmente feminino, goza dunha excelente saúde e unha tradición notable. A concellaría de Deportes do Concello de Chantada incorporaba esta disciplina ás Escolas Deportivas Municipais na tempada pasada e nesta consolídase a estrutura deste deporte no Concello contando con tres equipos na categoría escolar (benxamín mixto e 2 alevíns femininos), que participan activamente nas ligas do programa deportivo XOGADE. Ademais, mantense o equipo de referencia, o cadete feminino, que compite coa Federación Galega de Voleibol (FGVb).
Como gran novidade desta tempada, despois de rematar o pintado da cancha de voleibol no Polideportivo Municipal, os equipos xa poderán disputar partidos oficiais en Chantada, achegando a emoción desta disciplina á afección local e ampliando a oferta deportiva.
A estrea farase este domingo, 16 de novembro, con dous encontros da primeira fase do grupo E da cuarta división cadete femenina que enfrontarán ao EDM Chantada e ao Club Voleibol Ourense XF, ás 17:00h e ás 19:00h. As locais comezan competición co CVO, un club fundado no ano 1989 que conta cunha forte estrutura de canteira con máis de 250 rapaces e rapazas.
Nas Escolas Deportivas Municipais de Chantada son preto de medio cento de rapaces e rapazas as que participan deste deporte cuxa dirección técnica corre por conta do Club Ribeira Sacra de Monforte, garantindo unha formación de calidade para as xogadoras. Desde a concellaría de Deportes de Chantada anímase a veciñas e veciños a acompañar ás locais nestes primeiros encontros oficiais de voleibol en Chantada.








