As actividades remataron o 4 de setembro cun curso de astrofotografía

O Concello de Chantada organizou este ano desde a Oficina Municipal de Turismo unha importante programación destinada a poñer en valor as potencialidades de Chantada como Municipio Starlight
As actividades que contaron cunha ampla participación consistiron en seis propostas de carácter gratuíto, que incluiron un obradoiro práctico de iniciación á astronomía dirixido a empresarios e emprendedores do sector turístico, varias xornadas de guiado e observación do ceo nocturno, unha charla divulgativa sobre a eclipse solar e un curso de astrofotografía.
O alcalde, Manuel Manuel Lorenzo Varela, destaca o alto seguimento que tivo a programación starlight, demostrando a importancia de divulgar este tipo de recursos turísticos, “Contamos cunha elevada participación da veciñanza e tamén de persoas de fóra que aproveitaron a sua estancia en Chantada para asistir as actividades ou ben viñeron a propósito porque lles gusta a astronomía. As prazas dispoñibles enchéronse o que demostra o interese no noso ceo nocturno e as potencialidades que nos ofrece”.
A programación comezaba cun obradoiro de iniciación á astronomía destinado a empresarios do sector turístico e emprendedores. Esta actividade estaba orientada a achegar coñecementos básicos sobre astronomía e a favorecer que os profesionais turísticos incorporaran este recurso ás súas propostas e experiencias para visitantes.
Especialmente significativa foi a resposta ao curso de astrofotografía, celebrado este 4 de setembro e co que se pechaba esta programación. A actividade permitiu achegar aos participantes as principais técnicas e ferramentas para captar o ceo nocturno e descubrir as posibilidades que ofrece Chantada para este tipo de fotografía.
Para o seguimento destas iniciativas desde a Oficina Municipal de Turismo fanse enquisas de valoración entre as persoas participantes nas que destaca a boa acollida das actividades e un notable interese pola astronomía e polo coñecemento do ceo nocturno.
“Estes resultados reforzan a aposta de Chantada polo astroturismo como recurso turístico complementario, capaz de diversificar a oferta do municipio, atraer novos públicos e poñer en valor as condicións do territorio para a observación do ceo nocturno”, conclúe o rexedor.







