Ante a violencia de xénero: non negues, non normalices, non xustifiques

A concellaría de Igualdade do Concello de Chantada a través do CIM, Centro de Información á Muller, organiza a programación do 25N con actividades destinadas a visibilizar as desigualdades de xénero para corrixilas, prestando especial atención á educación en igualdade desde idades temperás.
A programación do 25N vai encamiñada a poñer o foco no lema que se marca este ano o Concello de Chantada, Ante a violencia de xénero: non negues, non normalices, non xustifiques. Así se recolle no cartel desta celebración que se reparte en asociacións, locais de hostalaría e veciñanza para que todas as portas de Chantada se fagan eco desta chamada de atención sobre as violiencias machistas.
A programación terá como acto central a celebración do propio 25N con lectura de manisfesto por parte da concelleira de Igualdade, Pamela Fernández. A cita será na Praza de Galicia ás 12:00h, contando coa participación do alumnado dos centros escolares que mostrarán unha representación dos traballos realizados para conmemorar este día, a través de paneis facilitados polo CIM.
E con actividades para público infantil e familiar ábrese a programación que se prolongará ata o vindeiro ano. Este venres, 6 de novembro, ás 18:15 h, a Biblioteca Pública Municipal de Chantada acollerá o contacontos, “Ámome”, a cargo da compañía de teatro, Trécola. Un espectáculo de narración oral para nenas e nenos de 4 a 12 anos, onde se lle dá a volta ós roles e estereotipos de xénero.
O sábado 21 de novembro, as 19:00 h, no Auditorio Municipal de Chantada desenvolverase unha interesante actividade para público en xeral desde os 16 anos. A psicóloga, Enma Placer Noriega, ofrecerá a conferencia musical, “Amor, control e violencia, o que din as cancións”.
A proposta combina divulgación e música en directo para reflexionar, dunha maneira cercana e accesible sobre as mensaxes que aprendemos sobre o amor e as relacións a través da música, outra forma de sensibilizar e previr condutas violentas cara ás mulleres. A partir de cancións de distintas épocas e estilos, abordaranse cuestións coma o amor romántico, a dependencia emocional, os celos, o control, as novas formas de violencia dixital, psicolóxica, sexual ou económica.
Os sábados, 21 ao 28 de novembro, o ximnasio do Pavillón Municipal acollerá un curso básico de formación en Defensa Persoal Feminina e Autoprotección. Durante dúas xornadas, as participantes aprenderán técnicas de defensa ante situacións de agresión.
Proximamente abrirase prazo de inscrición nas oficinas de Servizos Sociais
Camiñando cara a igualdade desde o ensino
Como complemento a estas actividades desenvolverase unha ampla e variada programación cos centros escolares, campañas que se queren manter de ano en ano para reforzar a importancia de traballar a igualdade desde a infancia. De modo que no que queda de ano e no primeiro trimestre do 2027 desenvolveranse obradoiros que chegarán a todo o alumnado para unha mellor formación en igualdade e convivencia.
Co alumnado de ESO e bacharelato dos IES Lama das Quendas e Val do Asma, a asesora socioeducativa, Paula Santos, realizará unha intervención pedagóxica orientada a que, sen xulgar o seu ocio, o empreguen como espello crítico. A actividade leva por nome “A Illa das Observacións”.
Tamén Paula Santos desenvolverá cos primeiros cursos dos CEIP da vila a experiencia, “O Camiño da Igualdade: sentir, coidar, convivir”, coa que promover a identificación das emocións que xorden a partir dos estereotipos de xénero. Exploraranse as diferentes formas nas que a desigualdade se pode manifestar nas súas vidas e como se sinten ante estas situacións, que se recrean a través de xogos e dinámicas grupais.
Para o alumnado de 4º, 5º e 6º dos CEIP Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo desenvolveranse Obradoiros de Convivencia Grupal a cargo de Alas& Raices. A proposta pretende crear un espazo para fortalecer os vínculos, a empatía e a cooperación, construíndo grupos nos que todas as persoas conten.
O programa de actividades do 25N conta coa financiación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.







