Actual, Concello, Novas|

Ante a violencia de xénero non negues, non normalices, non xustifiques

Este martes, 25 de novembro, o Concello de Chantada celebrou o acto central do 25N coa lectura do manifesto que, ante a ameaza de chuvia, tivo lugar no salón de plenos, na Casa da Cultura. Da lectura encargouse a concelleira de Igualdade, Pamela Fernández, que estivo acompañada polo alcalde, Manuel Lorenzo Varela, persoal do CIM que desenvolveu a programación do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, membros do equipo de goberno e distintos departamentos do Concello de Chantada.

A celebración contou coa participación dos CEIP Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo que elaboraron dous murais sobre o 25N e as súas reivindicacións de igualdade e de eliminación da violencia machista. Precisamente cos centros de ensino o Concello de Chantada desenvolverá tamén obradoiros de sensibilización, “Son campañas que se queren manter de ano en ano para reforzar a importancia de traballar a igualdade desde a infancia”, explica Pamela Fernández.

A programación do 25N no concello de Chantada xirou sobre o lema, Ante a violencia de xénero: non negues, non normalices, non xustifiques, como sinalaba o cartel que se entregou a asociacións, locais de hostalaría e veciñanza. Ademais das actividades cos centros escolares que se prolongarán ata o vindeiro ano, a programación remata este 28 de novembro co curso básico de formación en Defensa Persoal Feminina e Autoprotección.

Manifesto 25N do Concello de Chantada

Con motivo do 25 de Novembro, dende o Concello de Chantada, insistimos na nosa máis firme condena e rexeitamento de todas as formas de violencia machista que atentan contra a liberdade, a dignidade, a seguridade e a igualdade das mulleres.

Sempre, pero especialmente nesta data, lembramos ás mulleres vítimas de todas as expresións da violencia machista, ás mulleres asasinadas, ás que viven baixo a ameaza, o control ou o maltrato, e tamén ás súas fillas e fillos, vítimas directas dunha violencia que deixa profundas consecuencias nas súas vidas. Lembramos, así mesmo, ás familias e ás persoas próximas ás vítimas, que sofren as consecuencias irreparables desta violencia.

A día de hoxe rexístranse en España 45 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que vai de ano, unha delas en Galicia, ademais de 3 menores tamén asasinados. Estas cifras non poden quedar nunha estatística. Cada caso representa unha vida truncada, unha contorna familiar afectada e unha chamada de atención sobre a necesidade de reforzar a prevención, a detección temperá, a protección e a atención integral.

A erradicación da violencia machista require actuar sobre as súas causas: a desigualdade estrutural, os estereotipos sexistas, o control nas relacións afectivas e os discursos que minimizan ou xustifican a violencia.

A prevención debe prestar especial atención á mocidade e ás novas formas de violencia dixital e sexual, promovendo relacións baseadas no respecto, no consentimento, na liberdade e no bo trato.

Reafirmamos o noso compromiso que se traduce en actuacións continuadas, recursos e cooperación efectiva entre administracións xa que pola proximidade á cidadanía, os Concellos somos esenciais na prevención, na detección de situacións de risco, na sensibilización social e na orientación cara aos servizos especializados.

Facemos un chamamento á responsabilidade común, tanto de institucións como de cidadanía; non esquezamos que todo conta: cada proposta, cada voz, ten o seu espazo e contribúe a deseñar un futuro cheo de oportunidades…PORQUE

-Non hai igualdade real mentres persista a violencia machista.

-Non a normalices!!

-Non pode haber neutralidade ante quen a exerce, a xustifica, a minimiza ou a nega.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca
↑