Actual, Concello, Novas|

Chega o Nadal ao Concello de Chantada
Chantada vístese desde o 4 de decembro cun Nadal sostible e representativo da historia da vila
Anterior
Seguinte

O Concello de Chantada apura nestes días os preparativos para a decoración de Nadal. Hai uns anos que desde o Concello se traballa para ofrecer, por estas datas, a mellor imaxe da vila, a través dunha decoración sostible con material reutilizado e recreando aspectos da tradición de Chantada e das súas xentes.

“Se recentemente acabamos de revalidarnos como Vila en Flor pola xestión que facemos dos nosos espazos verdes e urbanos, cun plantexamento no que priorizamos o medio ambiente, a decoración deste Nadal dará boa mostra da atención que prestamos á reutilización de materiais e o valor que lle damos á nosa historia, á nosa tradición e ao nosos día a día”, sinala o alcalde, Manuel Lorenzo Varela

A iluminación e decoración de Nadal, elaborada polo equipo de Parques e Xardíns, quedará inaugurada na tarde deste luns, 4 de decembro,  e ata o 8 de xaneiro encherá de fantasía e ledicia as prazas e rúas de Chantada para contaxiar o espírito do Nadal entre veciños e visitantes e dinamizar comercio e hostalería.

A proposta decorativa segue a ser eminentemente artesanal, pero este ano presenta novidades e unha iluminación renovada e ampliada. Na Praza do Cantón contarase co Poboado de Nadal no que se combinan elementos da vida no rural e na zona urbana sen esquecer o aspecto festivo destas datas. Esta montaxe incorpora a casiña de Papá Noel para que a poidan visitar as/os máis pequenas/os da casa.

Tamén como novidade, este ano, colocarase na praza de Santa Ana unha zorra (trineo) con iluminación que encherá de luz o espazo e será un bo fondo para as fotografías de recordo. Ademais, a árbore que se colocaba na Praza do Cantón trasládase á Praza de Galicia. Coa iluminación téntase levar algún arco de luces a cada rúa, facendo un esforzo especial na iluminación das rúas peonís.

Desde o Concello de Chantada animan a visitar a vila nestes días “para coñecer as novas propostas decorativas, a capacidade creativa do equipo encargado e as sorpresas que levarán a veciños e visitantes por algúns dos aspectos máis entrañables da vida en Chantada”, como destaca o alcalde.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca