O Concello de Chantada acordaba, no pleno celebrado en setembro, que o alcalde, Manuel Lorenzo Varela, reclamara á Consellería de Sanidade e á Xerencia da Área Sanitaria, a cobertura dos postos do centro de saúde que estaban descubertos; a dotación dun segundo equipo para o PAC e a ampliación do servizo de HADO.
A moción presentada pola oposición era respaldada polo equipo de goberno e aprobada por unanimidade, deixando de manifesto a vontade dos grupos por acadar esas melloras sanitarias necesarias para o Concello de Chantada, que o equipo de goberno xa viña reclamando desde o Concello, agora co respaldo de todos os grupos que facultaban ao alcalde para estas xestións.
O centro de saúde de Chantada estaba sendo atendido inicialmente por 6 facultativos máis pediatría. Dun tempo a esta parte por xubilacións, baixas e traslados chegou a haber un único médico. “En Chantada necesitamos, como mínimo, 5 médicos para atender á poboación do municipio, así llo traslado unha e outra vez á Consellería e ao xerente da área sanitaria, Ramón Ares, tal e como se acordou en pleno”, asegura o alcalde de Chantada. A comezos de novembro, a Xerencia aseguráballe ao alcalde que o centro de saúde contaba novamente con 5 médicos, se ben un dos profesionais estaba de vacacións e incorporaríase neste mes de decembro.
Manuel Lorenzo Varela insiste en que “son moi consciente do problema que temos no centro de saúde, ningún alcalde e ningún equipo de goberno quere que os seus veciños/as carezan de atención sanitaria. A semana pasada Ramón Ares volvíame confirmar que no centro tiña que haber 4 médicos e o que se incorporaría en decembro”.
A realidade é que nas últimas dúas semanas no centro de saúde só hai dous médicos, aínda que puntualmente hai 4 porque veñen a cubrir esas prazas, pero iso “é non estar cuberto ao haber dificultades para ter os profesinais necesarios”, asegura o alcalde. Mentres desde o Sergas afirman que se fai todo o posible por cubrir as prazas vacantes, pero non hai facultativos nas listas de contratación e utilízanse alternativas provisionais. “E isto pasa nos concellos de todas as cores políticas, non só nos do PP”, lembra o alcalde.
Todos os grupos do Concello de Chantada coinciden na necesidade de máis médicos como quedou demostrado na moción aprobada por unanimidade. “Neste caso todos remamos na mesma dirección e cada iniciativa e reivindicación que axude a conseguir o que necesitamos é benvida. O que non se entende e non busca solucións é acusarme de non querer firmar un documento para o que ninguén me pediu a firma ou culpar ao concello de non respaldar estas demandas por non acudir a unha concentración”.
A este respecto o rexedor local engade, “Enténdese entón que as 8 mil e pico persoas do municipio que non acudiron á concentración, non queren que haxa máis médicos no centro de saúde? Todos queremos que haxa médicos e cada un aporta o que pode. Como xa se viña facendo antes do acordo plenario, seguimos coas xestións coa Consellería de Sanidade e coa Xerencia para mellorar as condicións no centro de saúde e no PAC e conseguir solucionar un servizo fundamental para Chantada”.