Os mellores ciclistas do mundo pasan por Chantada o 23 de febreiro
Nesta terceira edición do Gran Camiño, o Concello de Chantada será protagonista da segunda etapa que se celebra o 23 de febreiro. O percorrido de 151 km. comezará en Taboada e terá o punto e final en Chantada despois de que o pelotón faga o seu paso por Belesar en dúas ocasións para poder velos pedalear ao carón do Miño .
“Para nós é unha honra volver a formar parte do escenario desta competición despois da experiencia do pasado ano, e nesta ocasión farémolo como final de etapa. Nunha xornada na que o río Miño acompañará aos ciclistas en case todo o traxecto”, destaca o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
A realización da proba supón que na vila se produzan alteracións no tráfico e no aparcamento. Na rúa Xoán XXIII, final de etapa, está prohibido aparcar en ambas beiras entre a igrexa nova e a oficina de ABanca, desde as 20:00h do día 22.
O día 23 este treito de Xoán XXIII quedará cortado ao tráfico desde as 7.00h. da mañá. No resto da rúa estará prohibido aparcar desde as 8:00h., quedando a rúa totalmente cortada desde as 14:00. O final de etapa está previsto na rúa Xoán XXIII para as 17:00h. e agárdase ter recuperada a normalidade na circulación a partir das 19:00h.
As modificación no tráfico afectarán tamén ás seguintes rúas:
- Rúa Emilia Pardo Bazán, rúa cortada e prohibido aparcar desde as 8:00h.
- Avda de Monforte prohibido aparcar no lado esquerdo desde as 8:00h. entre o ambulatorio e o Bar Penela e desde as 14:00h. entre Muebles Cabezas e Talleres Fornas.
- Rúa Fontearcada, prohibido aparcar desde as 8.00h e rúa cortada desde as 14:00h.
- Rúa Antonio Lorenzana, rúa cortada e prohibido aparcar desde as 8:00h
- Rúa Ángel Gómez Montero, rúa cortada e prohibido aparcar desde as 8:00h
- Rúa Alameda Xavier Costa Clavel, prohibido aparcar desde as 8:00h, rúa cortada desde as 14:00h.
- Avda Mariano Cedrón – Praza Catro Camiños, prohibido aparcar desde as 8:00h
- Rúa Costaña, prohibido aparcar desde as 8:00h
Establéncense como zonas de estacionamento:
- Alto de San Pedro (Campo da festa de San Pedro)
- Zona aparcamento cerca de zona de meta (Mercado gandeiro, parking rúa Taboada)
- Zona de chaira diante da notaría
Percorrido no municipio de Chantada: Ao redor das 16.00h. o pelotón entrará en Chantada pola N-540 e dirixirase a Belesar pola LU-533. Desde Belesar subirá cara San Pedro de Líncora. Despois das 16:20h. entrará en Chantada pola Alameda Xavier Costa para facer un primeiro paso por meta na rúa Xoán XXIII. O pelotón sairá pola Avda de Monforte dirección O Seixo, San Lucas e Sobreira para volver pasar por Belesar e San Pedro de Líncora e chegar á meta pasadas as 17:00h.
“En Chantada contamos con algún dos treitos máis fermosos e emblemáticos do Camiño de Inverno e non podiamos deixar de formar parte dunha competición de tanta relevancia internacional que reivindica a importancia dos Caminos a Santiago. O paso dos ciclistas por Chantada permitirá coñecer a beleza e singularidade da Ribeira Sacra, a xoia da Galicia interior coa súas ribeiras con escaleiras cheas de vides, sempre na compaña dos ríos e dun patrimonio románico que crea paisaxes de conto”, asegura Lorenzo Varela.
O rexedor local convida á participación de veciños e veciñas de todas as idades nesta importante cita deportiva e agradece a posibilidade de ser protagonista deste etapa, “O noso agradecemento á organización e aos equipos e ciclistas participantes no Gran Camiño. Grazas por querer correr en Galicia e grazas pola oportunidade de amosar ao mundo as riquezas do noso territorio mentres ciclistas de altísimo nivel fan alarde das súas capacidades, do seu esforzo e da súa heroicidade entre as paisaxes da viticultura heroica”.