Actual, Concello, Novas|

Pregón e entrega de premios XLI Feira do Viño de Chantada

O Concello de Chantada celebra este domingo o día grande da súa Feira do Viño, despois de dous días de festa nos que as ganas de viño desafiaron á climatoloxía. A xornada desta mañá deparaba importantes actos. Este ano, como novidade, despois do pregón entregaríanse os premios da cata oficial que se celebraba o sábado pola mañá na adega Castrofiz e os premios da cata popular que tiña lugar o sábado pola tarde. Tradicionalmente a entrega de premios facíase durante a comida oficial que tiña lugar nesta xornada.

Ás 12:00h da mañá Queiman e Pousa estrearía ante os centos de persoas presentes no recinto da Feira, o espectáculo de homenaxe aos viticultores, “De Pura Cepa”. Posteriormente, a escritora, Fina Casalderrey ofrecería o pregón desta XLI Feira do Viño de Chantada.  

No seu pregón, a autora e profesora, subiu ao Faro e divisou as vistas que fan de Chantada, Corazón de Galicia, lembrou a Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebrou nos anos noventa en Chantada onde presentara o seu premiado libro, O misterio dos fillos de Lúa. Casalderrey levou aos asistentes polo cartel da Feira do Viño, obra de Lomarti e tamén os achegou á ribeira de Chantada e ao traballo diario de viticultores e adegueiros. Repasou poetas, novelistas, cineastas,… que homenaxearon ao viño, “Non esquezan que o viño naceu para ser degustado con moderación, nin que unha das posibles definicións da felicidade ben podería ser: degustar un viño de Chantada, en boa compaña, “un doce, delicadísimo alalá que no corazón nos pon un merlo novo“, que diría o poeta chairego”.

E Fina Casalderrey remataría o seu pregón cun brinde e asegurando que recomendaría o viño de Chantada, “Espallemos a sona dos nosos caldos galegos, sen complexos; pregoemos que están á altura de calquera outro viño, como o están a nosa lingua, a nosa literatura, a nosa cultura. Saúde e Boa Feira!”

Posteriomente o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, entregaría un acio de uvas á pregoeira como lembranza. Tamén Lomarti, autor do cartel recibiría o seu agasallo. O rexedor local agradeceu a asistencia das autoridades e, en especial, a participación de adegueiros e viticultores “agradecer aos homes e mulleres das nosas ribeiras que fan posible isto, aínda que a climatoloxía non acompañe e congregan cada ano a milleiros de persoas. A xente que acudiu este ano queda convidada para todas as Feiras do Viño de Chantada no futuro porque encher a carpa de xente con este frío ten moito mérito”.

Manuel Lorenzo Varela remataría animando a seguir probando o viño novo, “fancéndolle antes unha boa cama coa gastronomía de Chantada”.

As adegas participantes recibiron despois unha lembranza desta edición da Feira de mans das autoridades presentes e dos ciclistas, Álvaro Pino e Ezequiel Mosquera. Chegaría despois o momento de premiar aos mellores viños. Na cata popular, na que puntuaron os viños un cento de persoas, resultaron premiados como mellores tintos novos:

  • Cabo do Mundo Mencía 2023
  • Instinto Romano 2023
  • Os Cipreses Mencía 2023

Pola súa banda na cata oficial premiáronse 12 viños como os mellor valorados polo panel de cata:

VIDE GRAN OURO (96-100 puntos). Entregou os recoñecementos o alcalde de Chantada,  Manuel Lorenzo Varela:

  • Calexotes Godello 2023
  • Condado de Sequeiras Mencía 2022
  • Asolagados Barrica 2021

VIDE DE OURO (90-95 puntos). Entregou os galardóns o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez Carballo:

  • Condado de Sequeiras Godello 2023
  • Os Cipreses Mencía 2023
  • Vía Romana Mencía (añada) 2022
  • Pero Bernal 2022
  • Condado de Sequeiras Barrica 2017

VIDE DE PRATA (84-89 puntos). Entregou os recoñecementos o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González.

  • Asolagados Rosado 2023
  • Asolagados Mencía 2023
  • Cubiche Mencía 2022
  • Castrofiz Tradición 2021

 

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca