Actividades complementarias da Feira do Viño de Chantada
Este venres, 15 de marzo, o auditorio municipal de Chantada acollía unha proposta nova que forma parte das actividades complementarias da 41 edición da Feira do Viño de Chantada que se celebraba a pasada fin de semana.
Tratábase da I edición do Work Ribeira Sacra, primeiro evento networking que se realiza ao redor desta emblemática cita que exalta o viño das ribeiras de Chantada. A concelleira de turismo de Chantada, Pamela Fernández, inaugurou a xornada promovida polo Concello de Chantada. O desenvolvemento do programa estaría conducido por Silvia Panadeiros de WorkEvents.
A iniciativa Work Ribeira Sacra estaba destinada, principalmente, a empresarios, autónomos e emprendedores que desenvolven os seus proxectos de vida na Ribeira Sacra. Acudían a coñecer as experiencias que trasladarían: Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra; Beatriz Pérez de Máis que Románico; Manuel Gallego, responsable da área de turismo cultural en Xeitura Patrimonio SCG e Idoia Costa, investigadora especializada en Cestaría.
Despois dos distintos relatorios tivo lugar unha mesa redonda coa participación dos asistentes, onde se abordaron cuestións como a gastronomía, o patrimonio, os recursos e potencialidades do territorio Ribeira Sacra e como emprender ou desenvolver un negocio promocionando este tipo de valores.
O punto e final a esta primeira edición de Work Ribeira Sacra Chantada tivo lugar no Restaurante Pulpería Os Pendellos onde gozaron da gastronomía e dos viños locais.