O alumnado fórmase en xardinaría, albanelaría e atención sanitaria
O Obradoiro Dual de Emprego Serra do Faro VIII forma a unha vintena de alumnos dos concellos de Chantada, Carballedo e Taboada. As persoas que participan no Obradoiro fórmanse nos módulos de Xardinaría, Albanelaría e Atención Sanitaria. Neste último a formación é continuada e en Xardinaría e Albanelaría, ademais das clases teóricas, realízanse prácticas de 4 meses en cada concello.
O Concello de Chantada centra a actividade do Obradoiro no Parque Eloísa Rivadulla. Así o alumnado de Albanelaría estivo acondicionando o parque e mellorando a súa accesibilidade. Habilitáronse ademais novos baños públicos, mellorando os pendellos que se crearan cun Obradoiro anterior, fixéronse uns baños accesibles para uso da xente que visita o parque.
Esta semana comezaba a traballar no Parque Eloísa Rivadulla o módulo de Xardinaría. Ademais de pequenas obras e mantemento de xardíns, neste parque eliminarase a zona de aparcamento para dotalo dunha zona verde axardinada con árbores e bancos.
“Queremos humanizar o Parque Eloísa Rivadulla con estas melloras. É un privilexio ter en Chantada este espazo tan amplo e tranquilo. Temos as pistas de tenis, a escola infantil, está ao carón o centro de día, o restaurante que é unha concesión municipal. E agora estámoslle dando máis accesibilidade e comodidade como zona verde para o esparexemento”, asegura o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Coa transformación do aparcamento do Parque Eloísa Rivadulla en zona axardinada, o Concello de Chantada habilita un novo espazo para estacionamento. Trátase dunha finca na rúa Muiñeira de Chantada, que un particular cede ao concello para acondicionar como parking público.