Con propostas deportivas, gastronómicas, turísticas e musicais
A fin de semana do 13 e 14 de abril, o Concello de Chantada recupera a celebración da Concentración Mototurística que organiza o Motoclub RS Chantada. A cita contará con propostas deportivas, gastronómicas, turísticas e musicais, “Esta Concentración é un atractivo turístico máis para dar a coñecer o noso municipio. Son benvidas as iniciativas que lle dean vida á vila, á hostalaría e ao comercio, todo o que axude a mover a economía”, asegura a concelleira de Deportes, Belén Vázquez.
O Concello colabora coa organización, entre outras cousas, habilitando dous pavillóns para que os participantes teñan espazos gratuítos nos que pasar a noite. A axenda da Concentración Mototurística desenvolverase conforme ao seguinte programa:
Sábado, 13 de abril
- 12:00 Apertura de inscricións
- 17:00 Xogos Moteiros
- 19:00 Exhibición Emilio Zamora (Ducati)
- 21:00 Cea
- 23:30 Exhibición Emilio Zamora
Ao remate festa con disco móbil e sorteo de minimoto
Domingo, 14 de abril
- 09:00 Almorzo
- 11:00 Ruta Turística pola zona da Ribeira Sacra
- 13:30 Comida e Entrega de trofeos e sorteo de agasallos moteiros
O Motoclub RS Chantada vén de cambiar recentemente de directiva e nesta nova andaina decidiuse recuperar esta celebración que levaba máis de 10 anos sen organizarse, “Xuntámonos con xente nova que se foi incorporando e con algún veterano que estaba na anterior organización e decidimos recuperala, o Concello tamén nos animou a sacala para adiante”, sinala Alejandro Eiriz, tesoureiro do Motoclub RS Chantada.
“Temos xogos moteiros, exhibicións de Emilio Zamora, faremos rutas pola vila e o domingo baixaremos ata Belesar pola zona da ribeira. Parece que o tempo vainos acompañar, sentímonos satisfeitos con recuperar o que tiñamos hai anos e poder seguir facéndoa anualmente”, apunta Eiriz.