Esta quincena estarán en San Miguel do Monte e Belesar
O Concello de Chantada conta desde o pasado ano co servizo de puntos limpos móbiles. A través dunha subvención a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, (cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGeneraciónEU) adquiríronse dous puntos limpos de proximidade e dous puntos límpos móbiles.
Os primeiros ubícanse de modo permanente no casco urbano, na Avda. De Monforte e na Praza Catro Camiños. Os dous puntos móbiles sitúanse nas diferentes parroquias por quicenas. Así, ata o 31 de maio, este servizo chegará ao lugar de San Miguel, na parroquia de San Miguel do Monte e á ponte de Belesar. Na primeira quincena de xuño trasladaranse ao carón da igrexa na parroquia de San Vicente de Argozón e no lugar de Vilaboa na parroquia de Camporamiro. A partir do 17 de xuño ubicaranse na igrexa de Mouricios e na casa escola de Vilaúxe.
En xullo será a quenda das parroquias de Requeixo, San Salvador, Laxe e Pereira. O resto de parroquias xa contaron co servizo que cada ano comeza en abril ou recibirán a visita dos puntos limpos móbiles nos próximos meses ata finais de ano. O calendario destas visitas pode consultarse na web do Concello de Chantada e ofrécese información de cada quincena a través das redes sociais do Concello.
O Concello de Chantada conta con 36 parroquias e con esta medida desde a Área de Medio Ambiente do Concello de Chantada preténdese facilitar a tarefa de reciclaxe á veciñanza das aldeas. “Chegamos co servizo do punto limpo á porta da casa para que as persoas depositen pequenos electrodomésticos e as pequenas cousas que hai que levar ao punto limpo. Tentamos que a veciñanza se habitúe a este servizo e que saiba que en determinada quincena van ter un punto limpo móbil para que reserven ata ese momento as pezas que queren tirar”, destaca o concelleiro, Diego Otero.
Nestes puntos limpos móbiles pódense depositar os seguintes residuos:
- RAEE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos).
- Aceite doméstico (Vexetal).
- Pinturas, disolventes e aerosois.
- Lámpadas de baixo consumo.
- Pilas e baterías.
- Cartuchos de tinta e tóner.
- Cápsulas de café.
- CD e DVD.