Actual, Concello, Novas|

Ata o 31 de maio exposición de pintura da artista Ana Cancela

A Casa da Cultura de Chantada acolle ata o 31 de maio a exposición de pintura da artista compostelá, Ana Cancela. Co título “Espazos Liminais na Miña Memoria”, Cancela presenta en Chantada o su último proxecto no que reflexa o espazo fronteirizo entre a abstracción e a figuración, sempre cunha connotación no universo galego, os seus códigos visuais, o seu patrimonio cultural e o seu mundo simbólico.

Co título da mostra preséntase un espazo que rompe fronteiras entre a abstracción e a figuración, “ideando un mundo estraño, creando imaxes atrapadas noutra dimensión, orixinando estrañas representacións. Son espazos que se cruzan que rompen fronteiras na miña linguaxe plástica”, asegura a artista.

 

Letras Galegas 2024

Ademais desta mostra, a casa da cultura de Chantada segue con actividades relacionadas coa celebración do Día das Letras Galegas.

Por unha banda cóntase ata finais do mes de xuño coa exposición de carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024 que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os traballos foron elaborados polo CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense que resultou premiado na categoría de secundaria, bacharelato e outras ensinanzas. Esta proposta expositiva convida a percorrer a traxectoria persoal e profesional de Luisa Villalta a través do metaverso con imaxes, recursos e actividades interactivas.

Por outra banda o 1 de xuño remata a programación coa que se celebrou o Mes dos Libros e o Mes das Letras Galegas desde a Biblioteca Municipal do Concello de Chantada. O primeiro sábado de xuño desde as 12:00h. contarase coa actividade para público infantil, A fraga dos Mouros, o bosque itinerante. Coa participación de nenos e nenas, unha moura e un trasno deben salvar o bosque atravesando probas e descubrindo a mitoloxía e a natureza galegas entre xogos, contos, cancións en vivo e malabares. A actividade forma parte do programa Ler conta moito.

Comments are closed.

Pechar fiestra de busca