Este 28 de xullo no Parque Eloísa Rivadulla
Do 26 ao 28 de xullo desenvólvese a oitava edición do Festival 17º que trae á Ribeira Sacra unha ampla programación que inclúe 14 artistas, gastronomía, arte e actividades de promoción do territorio nos concellos de Chantada, Sober, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Monforte de Lemos.
Os concertos do Escenario Chantada levaranse a cabo no Parque Eloísa Rivadulla, “en Chantada colaboramos con Festival 17º desde a segunda edición. O Festival caracterízase por acoller concertos e outras actividades en espazos singulares da Ribeira Sacra. Nós viñámolo celebrando na Praza do Cantón e este ano levámolo a outro enclave singular, o Parque Eloísa Rivadulla. O cambio faise necesario por cuestións loxísticas ao coincidir coa Subida a Chantada, que neste 2024 celebra medio século”, explica o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Despois de que Catuxa Salom e Jimena Amarillo actuaran o pasado ano en Chantada dentro do 17º; neste ano, a vila do Asma protagoniza o último día de Festival, o 28 de xullo, con dous interesantes concertos. Ás 13:15h, actuará De Ninghures, concerto Cervezas Alhambra, “A opción para calquera que busque unha experiencia única. O inicio do grupo remóntase ao 2022 co lanzamento do seu primeiro álbum titulado “Aquí”. Agora co seu último debut “Poço”convértense en referente do xénero fresh trad galego” recolle a web do Festival.
Ás 14:20 actuará Mondra, artista, cantante e bailador, vinculado á música e ao baile tradicional galego, así como ao teatro e ao audiovisual. No 2023 publica Ardén (Altafonte Music Spain), o seu primeiro traballo discográfico producido por Berto.
O Concello de Chantada colabora co 17º pola promoción turística que fai da Ribeira Sacra e en particular de Chantada, “É un festival importante con moita difusión que despois se presenta a concursos nacionais e internacionais e gáñaos aparecendo o nome de Chantada aí. Agora forma parte do colectivo Festivales Territorio con outras citas singulares que se fan no resto do Estado. Gústanos o formato do Festival que non está masificado e pon o foco na cultura e no patrimonio”, destaca o alcalde.
Os concertos do Festival 17º son de pago, pero no caso dos concertos de Chantada son gratuítos para a xente do municipio. Hai que recoller a entrada na Oficina de Turismo a partir deste venres e ata o 25 de xullo, xustificando estar empadroado/a no municipio.
O Festival 17º, que organiza I-Radia Crea, presentouse este mércores no Balcón Enoturismo de Regina Viarum, no Concello de Sober, coa participación entre outras autoridades do concelleiro de Parques e Xardíns de Chantada, Diego Otero.